Portais temáticos
Menores
NOVAS
O Valedor do Pobo distribúe entre 100.000 escolares de Infantil e Primaria un tríptico con recomendacións para navegar seguros na Rede
(6 de Marzo do 2009)
- DESCARGUE O TRÍPTICO AQUÍ
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2009. “Internet é moi útil para aprender, informarse e xogar, pero tamén é perigoso porque contén enganos e mentiras”. Baixo esta premisa, o Valedor do Pobo distribuirá entre alumnos de Infantil e Primaria dos centros escolares galegos 100.000 exemplares dun tríptico dirixido a fomentar a utilización segura por parte dos menores dos novos medios que teñen ao seu dispor para comunicarse. As precaucións apuntadas deben ser tidas en conta, segundo informa o Alto Comisionado Parlamentario, “tanto nas páxinas web como en chats, no mail ou en redes sociais” xa que como engade “hai persoas que queren saber da túa vida para aproveitarse e facerte dano”.
Cunha linguaxe que lles resultará familiar e un deseño xuvenil, a guía quere concienciar aos máis pequenos dos riscos que supón navegar sen contar coa supervisión familiar ou do seu profesorado e mesmo sobre o perigo de facilitar datos persoais ou de terceiros por medio da rede. “Non esquezas que ti es o único dono dos teus datos e que tes dereito a controlar o uso que se faga deles”, pódese ler no documento no que se indica que no caso dos menores de catorce anos son os pais os únicos que poden autorizar o tratamento dos datos.
Fuxir do intercambio de datos con estranos e preservar en segredo as claves e contrasinais de uso particular son dúas das boas prácticas apuntadas pola guía na que se recollen, a modo de decálogo, un bó puñado de suxestións que lembran a este sector da poboación, vulnerable pola súa natureza, que en Internet “non todo o mundo é quen di ser” polo que se deben extremar as precaucións.
Suxestións útiles
“O mellor é usar Internet acompañado por teus pais ou polos teus profesores”, “non deas datos teus a ninguén descoñecido e non intercambies fotos nin información”, “mantén en segredo as túas claves e contrasinais!”; así de contundentes son as mensaxes dirixidas aos escolares aos que se lles lembra que tampouco é seguro facilitar información de amigos e familiares.
Parte das recomendacións xiran en torno a quen pode ter contacto cos pequenos internautas, e neste senso se pide aos nenos que só compartan información con amigos que coñezan de antes e que nunca inviten a estranos nas redes e chats. “Se necesitas rexistrarte en algo, que o fagan por ti teus pais e profesores”, recolle o documento que estará a dispor dos escolares en todos os centros galegos. O tríptico tamén recomenda o uso de nicks ou seudónimos para preservar a intimidade dos usuarios.
Por medio desta publicación, os alumnos poderán aprender que a descarga de arquivos ou programas que non se coñecen é tamén moi perigosa, ao existir aplicacións espía que se instalan nos ordenadores “para roubar o que hai neles e cometer delitos”. A publicación de fotos sen permiso dos retratados, ou a apertura de páxinas persoais ou bitácoras, sen facer que o coñezan os familiares ou docentes forman parte das malas prácticas citadas.
Para concluír, o Valedor do Pobo aconsella aos usuarios máis pequenos da rede, non por iso os menos expertos, que se notan algo estraño cando naveguen ou teñen dúbidas, que llas fagan chegar aos seus próximos.
Compromiso co menor
A campaña do Valedor do Pobo forma parte da serie de actuacións que dirixe aos menores, un colectivo vulnerable, co que ten adquirido un compromiso de protección dos seus dereitos reflectido na Lei 337/1997 Galega da Familia, da Infancia e da Adolescencia que regula a especialización dun dos seus Vicevaledores en cuestións vencelladas coa infancia. Durante o ano 2007 o Alto Comisionado Parlamentario tramitou 29 queixas relacionadas dalgún xeito con este sector da poboación e cada vez son máis as preocupacións derivadas do contacto destes cos medios de comunicación, a protección de datos e as novas tecnoloxías.
Coa edición do folleto, financiada coa colaboración da Consellería de Presidencia, o Valedor do Pobo aspira a achegarse aínda máis a este sector da poboación e brindarlle ferramentas para mantener intactos os seus dereitos.
A Federación Iberoamericana de Ombudsman faise eco da campaña do Valedor contra o castigo corporal
(26 de Febreiro do 2009)
A rede de comunicadores da Federación Iberoamericana de Ombusman (FIO) difunde a través do seu portal web www.portalfio.org o anuncio televisivo da campaña contra o castigo corporal a menores do Consello de Europa, difundida na comunidade galega grazas á iniciativa do Valedor do Pobo.
O anuncio, que os galegos puideron ver durante os meses de novembro, decembro e xaneiro, por medio da televisión autonómica, chega á rede iberoamericana de defensores á que pertence o Valedor do Pobo, co mesmo obxectivo de concienciar as familias de que "as mans deben coidar, non pegar" ou da necesidade de alzar a man "contra o castigo corporal", dous das consignas.
O lanzamento europeo da campaña, o pasado mes de xuño, deu lugar a apertura dun debate social e político sobre os medios para abolir este tipo de comportamentos para cos nenos. No caso de España e outros 17 países que forman parte do Consello de Europa existen leis que prohiben o castigo físico en calquera circunstancia.
O apoio do Valedor a esta campaña é froito do seu compromiso para coa protección dos dereitos dos nenos, un colectivo ao que dirixe especial atención dentro da sociedade galega dada a súa vulnerabilidade
O Valedor do Pobo coincide co informe do Defensor del Pueblo na inexistencia de casos de maltrato en centros galegos de menores
(5 de Febreiro do 2009)
Santiago de Compostela. O Valedor do Pobo de Galicia, Benigno López González, quere transmitir unha mensaxe de tranquilidade aos galegos, tras ter recibido nas últimas horas o informe del Defensor del Pueblo, Enrique Múgica, sobre “Centros de Protección de menores con trastornos de conducta y en situación de dificultad social”, e corroborar que non se ten constancia da existencia de maltrato algún no centro Chavea de Vilagarcía, o único destas características mentado no informe de Múgica, que xa fora investigado por este alto comisionado galego no ano 2007, no marco do Informe extraordinario “Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal”.
A institución dirixida por Benigno López coincide deste xeito coas informacións facilitadas no documento elaborado dende Madrid no que se denuncia o “deterioro importante” que sofren as instalacións do recinto arousano, que xa fora investigado por este alto comisionado parlamentario en 2007, durante a elaboración do Informe Extraordinario de Menores, presentado ao Parlamento de Galicia o ano pasado; e no que se recollía que “ o centro non está dotado das instalacións adecuadas para ofrecer unha atención de calidade aos seus usuarios” e se engadía a necesidade de dotalo de novo mobiliario e de acometer reformas estructurais e non estructurais. No mesmo documento aludíase ao escaso espazo existente para a convivencia dunha decea de menores “pouco, para o desenvolvemento das súas actividades da vida ordinaria así como formativas, lúdicas, de reunión con amigos e familiares”.
Ao igual que no informe do Defensor del Pueblo, no que se da conta da existencia dun “ reglamento de réxime interno”, o Valedor quere sinalar que dos datos, no seu día recabados, se reflicte que os aspectos máis importantes da vida de Chavea se atopaban “protocolizados” no momento da investigación; entre eles: a medicación, a evolución psicosocial dos internos, a contención antes agresións e a estancia na sala de reflexión, entre outros.
Chavea é o único centro existente en Galicia especializado na atención psicosocial de menores con algunha medida de protección que sofren trastornos psiquiátricos. Precisamente, tal e como manifesta o informe do Valedor, a causa da súa apertura foi a elevada demanda existente na nosa comunidade ao respecto
I edición do concurso de cómics "¿Que é para ti o Valedor?"

- Bases do certame. Descarga en pdf
O Valedor do Pobo, Benigno López González, convocou a primeira edición do concurso de cómics “¿Que e para ti o Valedor do Pobo?” dirixido a alumnos de Secundaria co obxecto de achegar a institución aos menores e que afonden, deste xeito, nas súas funcións e identidade.
O concurso ten por finalidade “amosar aos alumnos a identidade e funcións do Valedor do Pobo”, para que as coñezan ou simplemente teñan delas unha percepción máis axeitada, diríxese a alumnos de Secundaria de todos os centros galegos, que deberán presentar os seus traballos en grupos dirixidos polos seus docentes.
Os traballos deberán consistir en cómics que combinen debuxo e texto. Nos mesmos, os participantes deberán prantexar unha problemática cidadá susceptible de ser defendida ante o Valedor do Pobo. As obras presentaránse en lingua galega, técnica libre e en soporte papel e dixital cun máximo de vinte escenas. Non se admitirán, por outra banda, máis de dous traballos por aula.
Os cómics deberán ser remitidos antes do 30 de abril de 2009 á sede do Valedor do Pobo.
Premios
O grupo-clase gañador recibirá como premio unha estancia de cinco días (do 22 ao 26 de xuño) nos albergues xuvenís das Sinas (Vilanova) e de Gandarío (Bergondo), organizada pola Dirección Xeral de Xuventude no marco do seu programa “Da Area Gorda ao Mar Maior".
BASES DO CERTAME. DESCÁRGAAS EN PDF
----------------------------------------------------
Unha iniciativa de oficio permite ao Valedor afondar no coñecemento dos puntos de encontro familiar en Galicia (27 de Xaneiro do 2009)

A saturación, a imposibilidade de realizar un traballo mediador para normalizar as relacións de parella dos pais, a descoordinación e a necesidade de mellorar os recursos e a seguridade constitúen algunha das carencias detectadas.
- Documento (pdf): "Puntos de Encontro Familiar en Galicia en concreto"
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro do 2009. Unha investigación inciada de oficio polo Valedor do Pobo, Benigno López González, permitiu coñecer de primeira man o funcionamento dos sete puntos de encontro familiar existentes en Galicia e extraer conclusións que permitirían mellorar o servizo prestado nestes recintos. Tras publicarse informacións sobre presuntas deficiencias que afectaban algún deles, o Alto Comisionado Parlamentario decidiu desprazar unha representación aos puntos que funcionan nas sete principais cidades galegas durante o último semestre do 2008. Nese momento, ademais da inexistencia de normativa, puídose comprobar que nalgúns casos os recintos, xestionados por entidades privadas sen ánimo de lucro, necesitaban máis recursos e medidas de seguridade, sufrían descoordinación e as rutinas impedíanlles desenvolver a súa función mediadora na mellora das relacións de parella e destas cos seus fillos.
As informacións acerca da saturación do Punto de Encontro Familiar (PEF) "Aloumiño" de Vigo desataron o interese do Valedor por estes recintos, concibidos na súa orixe como lugares de entrega neutrais dos fillos tras a ruptura de parella e co obxectivo de garantir os réximes de visitas cando se ven interrompidos, son conflitivos ou algunha das persoas implicadas precisa protección. Ademais de visitar este centro, Benigno López encargou ao seu persoal desprazarse ao "Punto Cero" de Ourense, "Acheganza" de Lugo, "Fonseca" de A Coruña, "A Carón" de Ferrol, "Encontro" de Santiago e "Aloumiño" de Pontevedra, onde se puideron inspeccionar as instalacións e manter entrevistas co persoal.
"Os PEF son un instrumento necesario, diriamos que imprescindible, para solucionar os problemas graves que se producen en casos de dificultade de entendemento entre os proxenitores á hora de posibilitar a relación dos menores cos non custodios que veñan establecidas por resolución xudicial", entende o Valedor tras valorar os datos solicitados en cada un destes lugares, o que tamén lle fai propoñer a necesidade de facer unha aanálise máis fonda das súas funcións "para pasar de ser fundamentalmente espazos de intercambios e visitas a intervir na mediación do conflito".
Radiografía
A finais de o 2008 traballaban nos PEF galegos un total de 25 profesionais entre psicólogos, licenciados en Dereito, psicopedagogos, pedagogos, educadores sociais, traballadores sociais e educadores familiares, aos que hai que engadir os voluntarios que cooperan coas entidades que os xestionan. Dende a súa creación, os PEF foron subscribindo convenios de colaboración coa Administración para financiarse, aínda así o éxito derivado da prestación do servizo fai que os fondos sexan insuficientes. "Algúns centros, ante a dificultade de dar saída a todos os servizos riquiridos, tiveron que instalar listas de espera, o que supón que se produzan encontros que non se poden levar a cabo, ou que se desenvolven en termos diferentes aos establecidos nas resolucións xudiciais", manifesta Benigno López, que pide que se axusten os recursos que pon a disposición destes centros de atención para mellorar o desempeño das súas funcións.
Optimismo
No momento de realizar o traballo de campo, os puntos galegos carecían dunha normativa oficial en favor da seguridade e os profesionais simplemente atendían a unhas regras básicas estipuladas pola Federación Galega de Puntos de Encontro que "non eran suficientes para garantir a tranquilidade das persoas usuarias". A aprobación por parte do consello da Xunta do Decreto 9/2009 do 15 de xaneiro que regula o funcionamento destes recintos foi acollida con optimismo polo Valedor do Pobo, ao entender que se establecerán medidas máis coercitivas e contundentes neste sentido, habida conta de que en algúns casos se producen episodios violentos e que as vítimas de violencia doméstica tamén son usuarias destes servizos. Así mesmo Benigno López confía en que este marco permita optimizar os recursos dado que se trata de servizos financiados pola Administración.
Algo parecido acontecía en materia de coordinación. As diferentes inspeccións realizadas polo Alto Comisionado Parlamentario evidenciaron que existe descoordinación cos Gabinetes de Orientación Familiar, cos equipos técnicos das delegacións provinciais ou co sistema de protección a mulleres maltratadas e que se necesitaban melloras nas relacións cos Corpos e Forzas de Seguridade e, nalgúns casos, cos órganos xudiciais.
Contra a saturación
Coñecida a situación e analizados os recintos un por un, o Valedor do Pobo ve necesario crear un novo punto en Vigo, "baseándose na importante saturación producida e a previsibilidade do seu aumento". No caso coruñés propón que se estude a posibilidade de crear un novo local, e para Santiago formula a posibilidade dun cambio de sede.
Por último, Benigno López manifesta que se debe ter en conta a problemática existente en poboacións menores que carecen deste servizo e asegura que confía en que a nova regulación permita mellorar o funcionamento dos Puntos de Encontro na comunidade.
------------------------------------------------------
O Valedor promove en Galicia un spot televisivo contra o castigo físico aos nenos (20 de Novembro do 2008)

- Arquivo multimedia: O spot
- Material gráfico: Fotografía 1 | Fotografía2 | Fotografía 3
Santiago de Compostela. Os galegos poderán ver por primeira vez dende hoxe, Día Internacional da Infancia, e por medio da televisión autonómica, un anuncio contra o castigo corporal aos nenos, gracias a unha iniciativa do Valedor do Pobo, que colabora na difusión do spot animado elaborado polo Consello de Europa no marco dunha completa campaña para concienciar as familias de toda Europa de que “as mans deben coidar, non pegar” ou da necesidade de alzar a man “contra o castigo corporal”, dúas das consignas da iniciativa.
A producción baséase na prohibición de golpear ou castigar fisicamente aos nenos, e será emitida en horarios de máxima audiencia durante os próximos meses, dirixida as familias co obxecto de educalas para adoptar accións positivas para aprender aos seus fillos bos comportamentos e valores.
O anuncio relata unha historia de algo máis dun minuto de duración na que, con animacións vistosas acompañadas de música orixinal e empregando a metáfora, explícaselles aos espectadores para que poden servir as mans. Máis que para pegar, a moralexa é que se poden empregar para guiar aos nenos no seu percorrido vital, para xogar con eles, para alimentalos e mesmo para protexelos de todos os perigos.
Ao mesmo tempo que o seu estreo televisivo, o arquivo de vídeo ponse a dispor de todos os interesados na páxina web do Valedor do Pobo: www.valedordopobo.com.
O lanzamento europeo da campaña, o pasado mes de xuño, deu lugar a apertura dun debate social e político sobre os medios para abolir este tipo de comportamentos para cos nenos. No caso de España e outros 17 países que forman parte do Consello de Europa existen leis que prohíben o castigo físico en calqueira circunstancia.
O apoio do Valedor do Pobo a esta campaña é froito do seu compromiso para con a protección dos dereitos dos nenos, un colectivo ao que dirixe especial atención dentro da sociedade galega dada a súa vulnerabilidade.
--------------------------------------------
OUTRAS NOTICIAS
- O Valedor do Pobo, recoñecido membro de pleno dereito da ENOC (08-09-08). Ir
- O Valedor do Pobo asiste en Dublín á Conferencia Anual dos defensores de menores europeos (02-09-08). Ir.
- Unha guía para que os menores naveguen de forma segura (23-06-08). Ir.
- O Valedor e Unicef distribuirán máis de 21.000 libros cos dereitos dos nenos nos rexistros civís e os xulgados de paz de Galicia (17-06-08). Ir.
- Un cartel da rede iberoamericana de ombudsman recorda que hoxe é o Día Mundial contra o Traballo Infantil (12-06-08). Ir.
- O Valedor do Pobo investiga de oficio a situación dos puntos de encontro familiar na comunidade (30-05-08). Ir
- Grande acollida do informe extraordinario "Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal" (23-05-08). Ir
- Unha investigación encargada polo Valedor afondará no papel dos menores nos procedementos de ruptura familiar (10-04-08). Ir.
- O Valedor participa na difusión dun tríptico que informa sobre o traslado ilegal de menores do seu país de residencia (08-04-08). Ir.
- O Valedor presenta o informe extraordinario "Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal" (07-04-08). Ir
- O Valedor do Pobo asina un convenio marco con Unicef para a protección dos dereitos da infancia en Galicia (12-02-08). Ir
- A institución do Valedor do Pobo participou en Madrid os no congreso "Trata de nenos e nenas" convocado por Save de Children (01-02-2008). Ir


