Actualidade
O Valedor e Unicef distribuirán máis de 21.000 libros cos dereitos dos nenos nos rexistros civís e os xulgados de paz de Galicia
17 de Xuño do 2008
A campaña forma parte do convenio marco asinado polas dúas institucións o pasado mes de febreiro.
Santiago de Compostela. O Valedor do Pobo, Benigno López, e o presidente de Unicef Galicia, Manuel Sande, presentaron hoxe na sede do Valedor en Santiago unha campaña na que colaboran, que consiste na distribución de máis de 21.000 exemplares da publicación “O meu libro dos dereitos” entre as familias que acudan ao rexistro civil ou aos xulgados de paz a rexistrar aos seus novos fillos.
O libro consiste nunha pequena guía sobre os dereitos dos nenos establecidos na Convención de Dereitos do Neno e a Nena, o tratado internacional máis ratificado “e un dos que máis se vulnera”, segundo indican dende o Valedor; e sobre as obligacións que os pais teñen que asumir. “Consideramos que é importante que toda a familia coñeza os aspectos esenciais da Convención”, explican o Valedor do Pobo e Unicef no prólogo do libro, “nela foméntase o diálogo e o respecto mutuo, recollendo os dereitos e as necesidades propias dos nenos/as pero tamén a responsabilidade e obrigación de cumprir os dereitos dos demais”, engaden.
No seo da campaña, cada persoa que acuda a inscribir aos seus fillos no rexistro civil ou xulgado de paz correspondente, recibirá un exemplar. No mesmo se inclúe información sobre unha ducia de dereitos básicos para a infancia como o de identidade, familia, saúde, educación, xogo, igualdade ou protección entre outros. Ademáis a guía permite interacturar aos rapaces e aos seus pais, reservando espazos para incluir fotografías das súas familias, datos sobre o seu nacemento, o colexio, os amigos, os primeiros debuxos, etc.
A Consellería de Presidencia colabora nesta iniciativa coa financiación e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia foi responsable de distribuír as instruccións oportunas entre un total de 314 rexistros e xulgados de paz galegos para o reparto dos libros, e os carteis alusivos que exhibirán durante a campaña.
Tantos exemplares como nacementos
En total se repartirán 21.081 exemplares da publicación, que coinciden co número aproximado de nacementos que se producen cada ano na comunidade dos que se ten constancia nos 45 partidos xudiciais. Un dos obxectivos consiste en que a familia axude aos nenos a comprender cales son os seus dereitos e responsabilidades, só así, explican dende o Valedor “establece as bases dunha vida adulta responsable”.
Coa posta en marcha deste proxecto, o Valedor quere tamén chamar a atención sobre a situación da infancia en Galicia que, ao seu xuízo, é envexable respecto a outros territorios do mundo, “pero mellorable, na medida que segue habendo nenos cuxos dereitos son vulnerados”.
A campaña presentada hoxe é unha das actuacións do convenio marco asinado polo Valedor con Unicef Galicia o pasado mes de febreiro, co obxecto de traballar en prol dos dereitos dos nenos na comunidade.



