Actualidade
O Valedor do Pobo investiga de oficio a situación dos puntos de encontro familiar na comunidade
30 de Maio do 2008
Unha comitiva da institución desplazaráse a próxima semana a dependencias existentes en Vigo e Pontevedra para comprobar en persoa as condicións.
Santiago de Compostela. O Valedor do Pobo abriu con data de hoxe unha queixa de oficio a fin de investigar o estado dos puntos de encontro familiar en Galicia, e máis en particular do centro “Aloumiño” de Vigo, que nos últimos días foi obxecto de polémica pola súa presunta saturación e a falla de medidas que garantan a seguridade dos nenos. Con motivo desta iniciativa, unha representación do Valedor desplazarase os próximos días 1 e 3 de xuño as instalacións de “Aloumiño” en Vigo e ao Punto de Encontro da Rúa Gutiérrez Mellado de Pontevedra a fin de comprobar de xeito presencial a existencia ou non destes problemas.
Nun escrito remitido con data de hoxe á Secretaría Xeral da Igualdade, o Valedor solicita información sobre a ubicación, a capacidade e a xestión destes recintos, e mesmo sobre o número e as cualidades dos profesionais que prestan atención nos mesmos. Interésase tamén por coñecer o número e o perfil dos usuarios, menores ou non, atendidos no pasado ano 2007 e no que vai de 2008 e “se é posible, o número ou proporción de casos derivados do sistema xudicial e do sistema de protección”, describe.
Para completar o informe, o Valedor Benigno López, pide a Igualdade que aporte entre a súa documentación información abondo sobre as condicións de seguridade dos puntos de encontro familiar. O alto comisionado quere coñecer se existe un protocolo de actuación ou coordinación coas policías Nacional e Municipal para determinados supostos e afondar no regulamento da actividade destes servizos.
No expediente remitido a San Caetano por parte do Valedor se solicita, por outra banda “que nos informe de cando se porá en marcha o segundo punto de encontro de Vigo” previsto nunha Resolución do 21 de abril deste ano que, como relata López, “anuncia o concurso público para a contratación das obras de reforma e adaptación dun baixo na rúa Rivera Atienza”.
Visitas aos puntos
O Valedor do Pobo diríxese nun segundo documento ao Gabinete de Orientación Familiar da Delegación provincial da Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar de Vigo, no que anuncia a pronta visita aos puntos ubicados en Vigo, na Travesía de Vigo número 172; e en Pontevedra, na Rúa Gutiérrez Mellado número 1. As visitas, que se realizarán respectivamente o próximo 1 e 3 de xuño, enmárcanse na propia actuación de oficio aberta pola institución.


