Actualidade
O Valedor do Pobo asina un convenio marco con Unicef para a protección dos dereitos da infancia en Galicia
12 de Febreiro do 2008
As dúas institucións comprométense a colaborar na promoción e defensa dos dereitos da infancia na comunidade.
Santiago de Compostela. O Valedor do Pobo, Benigno López González, e o presidente de Unicef Galicia, Manuel Sández Macho, formalizaron hoxe nun acto celebrado na sé do Valedor en Santiago, a firma dun convenio marco de colaboración entre ámbalas dúas entidades para traballar a prol dos dereitos da infancia na comunidade galega.
O documento sinala os obxectivos comúns das dúas institucións para desenvolver un traballo conxunto de promoción e salvagarda dos dereitos dos nenos e nenas, que se poderá artellar en actuacións máis concretas como a posta en marcha de investigacións ou estudos para radiografiar a situación da infancia na comunidade e a organización de xornadas e seminarios que permitan afondar en asuntos vencellados cos dereitos da infancia.
Coñecer os dereitos
Un dos proxectos que as institucións confían en materializar é a posta en marcha dunha campaña conxunta de difusión dos dereitos dos menores por medios dos rexistros civís. A intención, en caso de concretarse, é repartir un libriño sobre os dereitos dos nenos entre os pais que acodan a estas oficinas a rexistrar aos recén nacidos.
Tal e como recolle o convenio, tanto o Valedor como Unicef comprométense a compartir os seus fondos documentais e coñecementos técnicos sobre a materia. Quedan habilitados ademáis para emprender campañas de sensibilización e difusión sobre cuestións que afecten a este colectivo.
Ámbalas dúas entidades apuntarán as cuestións que segundo elas, requiren a posta en marcha de proxectos concretos e poderán colaborar en diferentes publicacións e na promoción da participación infantil en políticas públicas que lles afecten.
Para a posta en marcha dun programa de actuacións, a partires da firma e nos seguintes trinta días, crearase unha Comisión Mixta que se reunirá a petición dunha das partes, alomenos unha vez ao ano con tarefas atribuídas de planificación e evaluación.
O Valedor do Pobo é o alto comisionado parlamentario para a defensa na nosa comunidade dos dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución e no Estatuto. Ademáis, en virtude do artigo 9 da Lei 3/1997 de 9 de xuño, conta cunha vicevaledora responsable de velar polo respecto da lexislación vixente en materia de protección da infancia e da adolescencia. É súa a misión de propoñer medidas encamiñadas a mellorar a salvaguarda do colectivo e de perfeccionar a aplicación das existentes, así como a de difundir e informar a sociedade sobre os dereitos dos menores.
O convenio marco asinado hoxe permitirá artellar as relacións do Valedor con Unicef, cara ao enriquecemento mutuo dos coñecementos e experiencias que as dúas entidades teñen adquiridos sobre a infancia.



