Actualidade
O Valedor presenta o informe extraordinario “Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal”
7 de Abril do 2008
O Valedor avoga polos programas preventivos coa intervención das familias para evitar casos de marxinalidade e delincuencia. Pide centros a medio camino entre a protección e a reforma e outros para mozos que precisen de atención especial. O Valedor amosa preocupación polo ascenso en Galicia do número de casos de violencia familiar con menores implicados.
O Valedor do Pobo, Benigno López, presentou hoxe á Presidencia do Parlamento Galego o Informe Extraordinario “Menores vulnerables: desprotección e responsabilidade penal” que analiza a situación dos menores desprotexidos en Galicia, en especial a dos residentes en centros tutelados, e por outra banda a dos rapaces infractores sometidos a réximes de internamento. Entre as conclusións deste traballo desenvolto durante o ano 2006 inclúense recomendacións para as administracións galegas, como a necesidade de avogar polo acollemento familiar, en vez do residencial, ou a de buscar alternativas en liberdade para o cumprimento de penas no caso dos mozos infractores.
Para a realización do informe, encargado polo anterior Valedor, José Ramón Vázquez Sandes, unha comitiva da institución desplazouse en persoa a os sete centros de internamento de menores infractores existentes na comunidade no 2006 e a 26 das 70 residencias para rapaces protexidos. As entrevistas co personal e os internos destes recintos permiten debuxar unha radiografía da realidade que viven estes rapaces e facer propostas para mellorar a súa situación en salvagardar os seus dereitos.
Menores desprotexidos
“A permanencia do menor na familia debe ser un obxectivo claro respecto do cal se deben aliñar as administracións” explicou este serán o Valedor do Pobo na súa exposición á prensa celebrada na sé da institución en Santiago. Esta é unha das recomendacións apuntadas respecto aos menores residentes en centros tutelados pero hai máis, xa que segundo Benigno López, falla “unha aposta firme polo acollemento familiar” e “é necesario tomar medidas para que o tempo de estancia nos centros sexa o estrictamente necesario e non vaia máis alá dos dous anos”.
A idade media dos internos nos centros, recolle o informe, incrementouse nos últimos anos e concéntrase en torno aos 12 e 18 anos, “ un colectivo que presenta problemáticas concretas como poden ser os elevados índices de fracaso escolar”.
Máis prevención
“Constátase a necesidade de desenvolver programas preventivos que eviten a marxinación” expresou o Valedor na lectura de parte das recomendacións coas que conclúe o estudo, entre as que se contan ademáis a necesidade de traballar máis coas familias, a necesaria potenciación dos servizos sociais e dos equipos técnicos de menores que “precisan máis medios materiais e humanos”.
Segundo a institución, por outra banda, hai que comezar a ter en conta a chegada de menores estranxeiros a Galicia e crear centros específicos que permitan atender a menores con problemas especialmente graves de caráter mental, de drogodependenza ou discapacidade, e mesmo centros de reeducación a medio camino entre a protección e a reforma, inexistentes na nosa comunidade.
Menores infractores
O informe extraordinario do Valedor do Pobo fai mención ao incremento da delincuencia xuvenil constatado nos últimos anos segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística, que evidencian que, entre os anos 2000 e 2006, coincidindo cun descenso da poboación galega entre os 14 e os 18 anos, o número de menores sobre os que recaeu unha resolución xudicial seguía unha tendencia alcista. Así no ano 2001 un 0,17% dos galegos con esa idade estiveron afectados por resolucións xudiciais, no 2006 a porcentaxe elévase ao 0,57%. (As
porcentaxes refírense só aos menores aos que se lles impuxo unha medida xudicial e foron notificadas ao Servizo de Menores en Conflito).
Os menores en xeral non cometen delitos graves. Os máis comúns entre os mozos foron no 2006,e segundo a memoria ofrecida pola Secretaría Xeral de Benestar ao Valedor, o roubo con forza nas cousas e o roubo con intimidación e violencia nas persoas. “Chama a atención o ascenso de de expedientes incoados polo delito de violencia familiar”, que ocupan o terceiro posto, constatou Benigno López, quen sinala que por exemplo na provincia da Coruña houbo un incremento do 28,57% no ano 2005 con respecto ao ano anterior.
Medidas de medio aberto
O informe evidencia por outra banda que ano tras ano aumentou a execución de medias de internamento dos infractores, máis moderada dende o ano 2004. As medidas de medio aberto, que experimentaron incrementos importantes ata o ano 2005, “no 2006 sufriron un lixeiro retroceso”. Precisamente “fomentar as medidas abertas sobre todo a liberdade vixiada, a asistencia a centros de día, a prestación en beneficio da comunidade e a convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo” debe ser unha prioridade na busca de alternativas ao internamento previstas na Lei Penal do Menor segundo o Valedor do Pobo.
Entre outras, o alto comisionado tamén destaca a necesidade de asignar centros próximos ao domicilio do menor, garantir os dereitos dos mozos cando se atopan detidos, custodiados, vixiados, e trasladados; a necesaria especialización dos axentes implicados na intervención; ou a supresión da excesiva descoordinación administrativa e a dotación de recursos para a execución de medidas.
Outra das suxestións realizadas no último capítulo do informe engade a posibilidade de crear “pisos de transición” entre o centro e o enderezo dos infractores, para asegurar a súa reinserción social.
Evitar a xudicialización das conductas menos graves ou adecuar as instalacións policiais a este colectivo, tamén axudarían nesta tarea, a xuízo do alto comisionado parlamentario.



