Actualidade
Unha investigación encargada polo Valedor afondará no papel dos menores nos procedementos de ruptura familiar
10 de Abril do 2008
O Valedor propuxo á investigadora da Universidade de A Coruña Inmaculada García un estudo sobre “A ruptura familiar e o menor ante o procedemento de mediación en Galicia”
Santiago de Compostela. O Valedor do Pobo encargou á investigadora da Universidade de A Coruña, Inmaculada García Presas, un estudo sobre “A ruptura familiar e o menor ante o procedemento de mediación en Galicia”. Como experta en cuestións vencelladas a situación xurídica da Mediación Familiar en España, dentro do Departamento de Dereito Privado da citada universidade, García Presas porá a disposición da institución o resultado do seu traballo, enmarcado no conxunto de actuacións emprendidas por este comisionado en defensa dos dereitos dos menores na nosa comunidade.
A importancia que a mediación familiar adquiriu nos últimos tempos xustifica o estudo, que ven avalado tamén pola conveniencia da implantación destes mecanismos na nosa comunidade.
A investigación incorporaráse á institución como unha ferramenta máis para a defensa dos menores de idade ante situacións de ruptura familiar, habida conta de que o Valedor conta con área específica adicada á defensa dos dereitos dos rapaces, un colectivo sensible e moitas veces indefenso cando se vulneran os seus dereitos.



