Actualidade
O Valedor desenvolve coa Universidade de Santiago unha ferramenta para a detección precoz do uso perigoso de Internet entre os adolescentes
17 de Agosto do 2012
O instrumento, de caráter pioneiro, permitirá detectar potenciais situacións de ciberdependencia.
Santiago de Compostela. 17 de agosto de 2012. O Valedor do Pobo colaborará co grupo de investigación en Psicoloxía do Consumidor e ou Usuario (PSICOM) da Universidade de Santiago no desenvolvemento dun sistema pioneiro para a detección de casos de mala utilización de Internet parte dos adolescentes que permitirá, así mesmo, interceptar situacións aditivas ou de ciberdependencia. O acordo marca un punto e seguido no traballo emprendido pola institución que publicou a finais do ano pasado o o Informe Extraordinario "Adolescentes e Internet en Galicia" o primeiro e máis completo estudo realizado ata o momento sobre os hábitos dos menores galegos ante Internet e os seus servizos, e que foi descargado en máis de dúas mil ocasións da páxina web do Valedor.
Ademais de desenvolver a metodoloxía estatística baseada na análise psicométrica da escala, fixando criterios técnicos que determinen a súa fiabilidade, validez, sensibilidade ou especificidade, entre outros criterios, o Valedor promove a creación dun equipo de expertos que permitirán realizar un seguimento real dos comportamentos dos menores para coas novas tecnoloxías.
Unha vez máis a iniciativa do Valedor en colaboración coa USC sitúa a Galicia á cabeza do resto das comunidades na posta en marcha de mecanismos de supervisión e prevención do mal uso de Internet por parte dos máis novos. En outubro poderán coñecerse os primeiros resultados.


