Actualidade
O Valedor visita a sede do proxecto Vagalume de atención á muller prostituta
18 de Xullo do 2012
José Julio Fernández Rodríguez visitou as dependencias do programa de Cáritas Santiago que atende a mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e entrevistouse cos seus responsables.
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2012. O Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, desprazouse esta mañá á sede de Vagalume en Santiago de Compostela, para coñecer de primeira man este programa de Cáritas Diocesana dirixido a atender as necesidades das mulleres prostitutas ou vítimas de trata.
Neste centro as mulleres reciben asesoramento xurídico, orientación sociolaboral, atención psicolóxica e de saúde e formación dirixida á súa inserción social. Durante a visita, o Valedor tivo oportunidade de percorrer as diferentes estancias do centro e de manter unha reunión de traballo coa relixiosa oblata Cleofe Rodríguez, responsable do centro, así como co delegado de Cáritas da Arquidiocese de Santiago, Jesús García Vázquez e do director de Cáritas Santiago, José Anuncio Mouriño.
No encontro, os responsables do proxecto explicaron as súas principais fontes de preocupación nestes tempos de crise que gardan relación coas mulleres estranxeiras coas que traballan, e que son maioría no programa. A posible perda da tarxeta sanitaria por parte das inmigrantes ilegais así como certas dificultades á hora de tramitar o seu empadroamento constitúen dúas das súas principais inquedanzas respecto deste colectivo.
Os representantes da organización diocesana aproveitaron para comentar as dificultades coas que se atopan o resto dos programas que desenvolven na Diocese, cun orzamento notablemente reducido polos recortes das achegas públicas e a redución das doazóns privadas.
Coa visita de hoxe o actual Valedor do Pobo en funcións satisfai o seu interese en coñecer as necesidades dos colectivos sociais máis vapuleados pola actual conxuntura económica para poder emprender, no seu caso, as accións que estean na súa man para colaborar.


