Actualidade
Os servizos sociais non apreciaron indicios de maltrato durante a residencia en Galicia da parella investigada en Barcelona pola morte do seu bebé
30 de Maio do 2012
O Valedor do Pobo remitiu ao seu homónimo catalán a información recabada sobre unha parella que residira dez meses na cidade de A Coruña e que, desprazada a Barcelona, está a ser investigada pola morte dun bebé como resultado dun presunto maltrato no ámbito doméstico.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2012. O Valedor do Pobo remitiu en datas recentes ao Síndic de Greuges de Cataluña a información recabada sobre unha parella procedente de Galicia implicada na morte dun bebé de once meses en Barcelona por presunto maltrato, caso que propiciou a apertura, por parte de ámbalas dúas institucións, de investigacións de oficio. O alto comisionado galego puido comprobar que a familia estivo empadroada no Concello de A Coruña durante dez meses sen ter apreciado as autoridades alerta algunha de desprotección sobre os dous menores que tiñan ao seu cargo.
José Julio Fernández Rodríguez, Valedor do Pobo (en funcións) asina o escrito no que dá por concluída a súa intervención e facilita a información recabada na comunidade ao defensor catalán para que a teña en conta na súa investigación. Entre as comprobacións realizadas, efectivamente puido constatar que a parella estivera empadroada na cidade de A Coruña xunto con dous menores desde maio de 2011 ata febreiro de 2012, tendo desprazado na actualizado a súa residencia á localidade barcelonesa de Esplugues de Llobregat.
O Valedor tivo acceso a información acerca do colexio no que estaba escolarizado un dos rapaces e mesmo do centro onde recibían atención sanitaria sin que, en ningún dos casos, consten incidentes relativos aos menores.
Deste xeito José Julio Fernández conclúe que no tempo no que residiron en A Coruña non constan incidentes relativos apreciados no entorno escolar, sanitario ou social, tal e como lle comunicou a Dirección Xeral de Servizos Sociais do Concello de A Coruña, o que non resulta óbice, indica, para que nunha investigación máis detallada, como a que emprendeu a autoridade xudicial competente, aparezan novos datos ao respecto.


