Actualidade
O Vicevaledor 1º asume as funcións de Valedor do Pobo interino
25 de Maio do 2012
A institución garante que a situación de interinidade non afectará o máis mínimo ao seu labor e comprométese a redobrar esforzos para servir á cidadanía, a única que dá sentido ao comisionado galego de garantía dos dereitos.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2012. A Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia, na súa reunión do 24 de maio de 2012 (DOG núm. 99, do 25 de maio de 2012) acordou que o desempeño das funcións do Valedor do Pobo se realice interinamente polo Vicevaledor 1º, José Julio Fernández Rodríguez, en aplicación do artigo 5.4 da Lei do Valedor.
Ante este período de interinidade, esta Institución considera que a defensa dos dereitos constitucionais e estatutarios é unha mostra de calidade democrática. O compromiso con esta importante función é total no Valedor do Pobo. Esto obríganos a supervisar con rigor a actividade dos poderes públicos autonómicos e locais. O obxectivo sitúase en conseguir altas cotas de bo funcionamento administrativo que serva para axudar ás persoas, sobre todo a aquelas que están nunha situación de necesidade.
Os recentes cambios nesta Institución, e a situación de interinidade do seu titular actual, non afectarán o máis mínimo a nosa labor. Redobraremos o noso esforzo para servir á cidadanía, que é a única que da sentido ó comisionado galego de garantía dos dereitos. Reafirmamos, polo tanto, que a nosa base é a independencia e autonomía, porque os dereitos fundamentais non coñecen de ideoloxías, só de xustiza.


