Actualidade
O Valedor expón ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia o contido do Informe 2011
3 de Maio do 2012
Benigno López González trasladou ao órgano parlamentario as impresións que lle achegaron os cidadáns afectados polo actual contexto de crise. Lembrou que na anualidade tramitou o maior número de expedientes da historia da defensoría, moitos deles baseados nunha afectación de dereitos sociais. Pide reforzar as políticas sociais e acabar cos abusos da banca.
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2012. O Valedor do Pobo, Benigno López González, compareceu hoxe ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para expor, de xeito abreviado, o contido do Informe Ordinario 2011 e dar traslado a este órgano da Cámara das impresións que os cidadáns galegos lle achegaron nun contexto de crise que, como indicou, condicionou de xeito notable a actividade da institución, tanto pola cantidade de expedientes tramitados, como pola natureza dos problemas expostos.
O defensor dos galegos lembrou, ao inicio da súa intervención, que “non foi casualidade que este ano coñecesemos máis reclamacións que nunca”, tendo chegado ás 2947, un 9% máis que no exercicio anterior. Tamén expuso que, en canto ao seu contido, as queixas por afectación de dereitos sociais aumentaron, circunstancia que achacou ao debilitamento das prestacións e dos recortes orzamentarios ou á propia necesidade “ás veces extrema” de que a nós recorreu en busca de amparo.
Reforzar as políticas sociais
Benigno López González, porén, manifestou que o severo da situación non nos debe facer perder a perspectiva real das cousas: “A realidade é que todo o que temos camiñado cara adiante nos últimos 35 anos débenos servir para exercer a solidariedade colectiva que agora se demanda”. Neste senso reivindicou que “hoxe, máis que nunca, resulta imprescindible que aspectos específicos das políticas sociais se manteñan e aínda se reforcen”.
O contexto de crise apareceu de xeito recorrente no discurso do Valedor do Pobo xa que incidiu de forma notable na actividade desenvolvida durante o pasado exercicio. De feito a área de servicios sociais tramitou a cifra histórica de 507 queixas referidas a situacións de dificultade persoal, familiar e social que Benigno López xustificou dada á complicada situación económica do país.
Na grande maioría das queixas, con todo, os cidadáns denunciaron disfuncións na aplicación da lei de dependencia, afectada sobre todo por importantes atrasos nos procedementos e a deficiente xestión das prestacións unha vez falecido o demandante. “A Lei de dependencia esixe dun enorme esfrozo orzamentario non favorecido polo complexo sistema de reparto concorrente de responsabilidades materiais, e sobre todo financeiras, entre diferentes administracións”, indicou o defensor.
Abusos da banca
Na súa intervención o Valedor do Pobo manifestou que “os cidadáns trasládannos unha impresión moi negativa da actuación das entidades financeiras respecto dos seus problemas” e criticou a falta de rigor nas medidas de supervisión deste sector por levar a moitas familias a unha situación insostible. Recordou que a institución estatutaria que dirixe “explora todas as alternativas para salvagardar os dereitos do cidadán, levando a cabo cantos contactos e mediacións sexan precisos para que as entidades financeiras flexibilicen as súas esixencias, sobre todo tendo en conta que moitas delas se basean en prácticas de dubidosa legalidade”.
Para Benigno López deben ser revisadas en profundidade cuestións como a venda de participacións preferentes ou os abusos hipotecarios relacionados coas valoracións desaxustadas de inmobles, o sistema de execución das hipotecas ou os abusivos chans, entre outras prácticas. Tamén defende o control adecuado dos soldos dos directivos desas entidades cara evitar “indecorosos” escándalos como os que coñecemos este ano en Galicia.
Funcionarios e investigadores
O Valedor resaltou, por outra banda, o número e importancia das queixas coñecidas sobre irregularidades en procesos selectivos das administracións. Explicou que mentras no sector público se asumen esforzos en beneficio do ben colectivo, é preciso que os responsables eviten a progresiva degradación da imaxe que se traslada á sociedade dos traballadores do sector público “por algo do que en absoluto resultan responsables”.
A mala conxuntura económica vai ter consecuencias perceptibles e de grande importancia no ámbito da educación superior. Aínda que durante a anualidade, as cuestións máis problemáticas relativas ao ensino, en canto ao número de afectados, gardaron relación con conflictos de escolarización e supresión de transporte en zonas puntuais, as queixas dos investigadores e de titulados recén saídos con dificultades para acceder ao mercado laboral deixáronse sentir, apuntou López.
Tamén chegaron reclamacións de numerosos universitarios que denunciaron problemas coa tramitación telemática das súas matrículas ao non recibir confirmación da correcta xestión realizada, inconvinte que as tres universidades galegas solventarán cara o inicio do próximo curso despois das actuacións acometidas polo Valedor do Pobo.


