Actualidade
O Informe Ordinario 2011 continúa a súa tramitación parlamentaria coa intervención do Valedor ante a Comisión de Peticións
30 de Abril do 2012
A memoria anual do Valedor do Pobo prosegue este 3 de maio a súa tramitación parlamentaria. Benigno López González comparecerá ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para resumir o seu contido e responder ás preguntas que expoñan os portavoces dos grupos representados na Cámara.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2012. Benigno López González, Valedor do Pobo de Galicia, comparecerá este 3 de maio ás 16.30 horas ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para expor de modo abreviado o contido do Informe Ordinario 2011 da institución, entregado á presidenta da Cámara o pasado marzo. Deste xeito a memoria anual difundida pola defensoría e relacionada coa actividade despregada pola mesma durante a pasada anualidade continúa a súa tramitación parlamentaria.
Na Comisión, o Valedor do Pobo protagonizará unha intervención inicial na que exporá, de xeito resumido, o contido das principais reclamacións que os cidadáns lle dirixiron durante 2011, ano no que a institución superou a súa marca en canto a tramitacións realizadas. Benigno López responderá, así mesmo, a cantas precisións ou aclaracións precisen os portavoces dos tres grupos parlamentarios representados na Comisión.
Tal e como deu a coñecer Benigno López o pasado 26 de marzo, con motivo da entrega á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, do contido do informe anual correspondente ao ano 2011, a crise e os problemas de marcado carácter social deixaron pegada na actividade da defensoría. Durante 2011 o Valedor do Pobo recibió un total de 2947 expedientes.


