Actualidade
O Valedor asiste na Coruña á homenaxe aos tres policías falecidos no Orzán
20 de Abril do 2012
Benigno López González participará no acto in memorian para homenaxear aos tres axentes da Policía Nacional falecidos o pasado 27 de xaneiro ao intentar rescatar un mozo eslovaco en augas da praia coruñesa.
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2012. O Valedor do Pobo, Benigno López González, asistirá mañá no recinto feiral da Coruña ao acto de homenaxe in memorian organizado polo Ministerio del Interior e a Xefatura Superior de Policía de Galicia para dinstinguir a título póstumo aos tres policías falecidos o pasado 27 de xaneiro na Coruña cando intentaban rescatar a un mozo eslovaco en augas do Orzán.
Os axentes Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor serán condecorados coa Medalla de Ouro de Protección Civil, a Medalla ao Sacrificio do Ministerio do Interior de Eslovaquia e o recoñecemento da Asociación Ferdinand Martinengo.
No mesmo acto, que estará presidido polo ministro de Interior e o Presidente da Xunta, entre outras autoridades, distinguirase a outro grupo de participantes nas tarefas de rescate, como é o caso de tres policías locais, sete nacionais e o cidadán Adrián Doce.
Haberá mencións así mesmo para organismos e os grupos que colaboraron na dificultosa recuperación dos corpos: para os mergulladores do Club do Mar da Coruña, bombeiros, a Policía Local, Salvamento Marítimo, os helicópteros da policía, os GEO e os gardacostas da Xunta, entre outros.
O Valedor do Pobo aproveita a ocasión para destacar, unha vez máis, a exemplar vocación de servizo de todos os participantes na operación e, en especial, dos axentes falecidos.


