Actualidade
O Valedor investigará de oficio a morte dun bebé en Barcelona por presunto maltrato doméstico dunha parella procedente de Galicia
14 de Abril do 2012
A parella foi detida nas últimas horas en Barcelona tras o falecemento do neno de once meses no hospital de Sant Joan de Déu. O defensor galego coordinará a súa actuación co seu homónimo catalán para esclarecer a situación do pequeno e a actuación das administracións ao respecto.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2012. O Valedor do Pobo abrirá unha queixa de oficio en coordinación co Síndic de Greuges de Cataluña co obxecto de coñecer as circunstancias nas que se produciu a morte dun bebé de 11 meses en Esplugues de Llobregat, Barcelona, presuntamente ás mans dunha parella que se desprazara a esa localidade poucos meses atrás procedente de Galicia. Tanto o defensor galego coma o seu homónimo catalán dirixiranse ás administracións competentes nas súas comunidades co obxecto de que lles informen acerca das circunstancias nas que se encontraba o menor e comprobar se se tiña coñecemento ningún da súa presunta desprotección.
Tras ser informados do acontecido o Valedor do Pobo, Benigno López González, e o Síndic de Greuges, Rafael Ribó, mantivéronse en contacto co obxecto de coordinar actuacións e lamentar o ocorrido. Os feitos remóntanse, tal e como puideron coñecer, ao pasado martes, cando un pequeno de 11 meses ingresou en urxencias do hospital Sant Joan de Déu de Barcelona en estado crítico, con graves lesións cerebrais. Segundo o parte médico algunhas destas lesións poderían ter meses, polo que serían consecuencia dunha situación de maltrato no ámbito doméstico. Tras alertar os responsables sanitarios as autoridades, os Mossos d'Esquadra detiveron nas últimas horas tanto a nai do pequeno como á súa parella que, segundo as primeiras informacións, se desprazaran nos últimos meses á localidade catalá tras residir en Galicia.
Por este motivo, o Valedor iniciará unha investigación de oficio e dirixirase ás administracións responsables na comunidade en materia de protección de menores que puidesen coñecer as circunstancias nas que se encontraba o pequeno cando a parella residía aquí.


