Actualidade
O Valedor emitiu en 2011 a maior cantidade de resolucións da súa historia
12 de Abril do 2012
O grao de aceptación das recomendacións, suxestións e recordatorios de deberes legais foi notable ao situarse no 79% das 225 realizadas.
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2012. O número de resolucións emanadas do Valedor do Pobo (recordatorios de deberes legais, suxestións e recomendacións) elevouse durante o ano 2011 a cifras históricas. A defensoría emitiu un total de 225, o dobre que as realizadas no exercicio precedente, resultando aceptadas o 79%.
A receptividade por parte das administracións aos recordatorios de deberes legais, recomendacións e suxestións emanadas da institución resultou notable durante o exercicio 2011, tal e como consta no Informe Ordinario 2011 do Valedor do Pobo. O grao de aceptación situouse no 79%, cinco puntos por encima do ano pasado, polo que as indicacións expresas remitidas ás administracións galegas deron lugar á solución do problema nunha alta porcentaxe dos casos.
Ao peche da anualidade, o Valedor do Pobo emitira 193 recomendacións, 20 suxestións e 12 recordatorios de deberes legais. De todas estas resolucións, un total de 179 resultaron aceptadas fronte ás 31 rexeitadas e apenas 15 (o 7%) quedaron pendentes de resposta a final de ano.
Por administración afectada, as resolucións dirixíronse principalmente á Consellería de Traballo e Benestar, aceptándose 106 ao peche do exercicio, rexeitando 9 e quedando 5 pendentes; e á Consellería de Educación que de 19, aceptou catorce (14), rexeitou 2 e 3 quedaron para a nova anualidade.
No ámbito local, destacan as 6 dirixidas ao Concello da Coruña, que aceptou 4; ou as 4, tres delas aceptadas, que recibiron concellos como Santiago e Vigo.
Petición de correccións
A Lei do Valedor do Pobo preceptúa que a institución poderá "formular ás autoridades e funcionarios das Administracións públicas advertencias, recomendacións, recordatorios de deberes legais e suxestións para a adopción de novas medidas" e impón a funcionarios e autoridades o deber de responder "sempre por escrito e no prazo dun mes" a estas resolucións. Polo tanto, se establece unha obriga de colaboración relacionada coa formulación das resolucións: o deber de responder ás mesmas.
Se a Administración acepta a resolución, a defensoría debe ter constancia de que se lle dá efectividade. Por iso requírese, ademais da aceptación formal, o detalle das medidas adoptadas pola administración afectada para dar efectividade ás resolucións, realizando en paralelo un seguimento das mesmas. Se non se cumpre co comprometido ou non se dá resposta nos prazos fixados, a resolución tense por rexeitada.
A Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo, establece para os casos de rexeitamento das resolucións un mecanismo de publicidade específica que faga manifesto o reproche que esta circunstancia merece: "Se (non) obtivese unha xustificación adecuada, incluirá tal asunto no seu informe anual ou especial con mención dos nomes das autoridades ou funcionarios que persistan naquela actitude, especialmente nos casos en que, considerando o Valedor do Pobo que era posible unha solución positiva, esta non se conseguiu."
Por iso se detallan na memoria anual do Valedor o contido das respostas proporcionadas polas Administracións ou órganos aos que se dirixiu algunha resolución.


