Actualidade
O Valedor do Pobo e o novo Delegado do Goberno en Galicia comprométense a colaborar na súa primeira xuntanza
24 de Febreiro do 2012
Benigno López González recibiu hoxe ao delegado do Goberno en Galicia no seu despacho. Ámbolos dous representantes institucionais pasaron revista aos últimos acontecementos da actualidade galega e incidiron en atopar solucións a materias que son obxecto de queixa na defensoría.
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012. O Valedor do Pobo, Benigno López González, recibiu hoxe no seu despacho da compostelana Rúa do Hórreo ao Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez Casado. No encontro, o primeiro que celebran ámbolos dous representantes dende que o delegado tomara posesión, repasaron cuestións que se atopan na axenda de ambas institucións, e trasladáronse os seus desexos mutuos de colaboración nas materias que así o precisen.
A xuntanza comenzou ás 12.30 horas na sede da defensoría. Na mesma, o Delegado do Goberno tivo a oportunidade de deixar a súa sinatura no libro de autoridades da institución. Durante unha hora, ámbolos dous representantes cidadáns repasaron a axenda galega no que a cuestións de seguridade se refire. Entre outros aspectos, o Valedor do Pobo consultou ao Delegado do Goberno algunhas particularidades da queixa iniciada de oficio pola institución ante a presenza de persoas conflictivas na céntrica Plaza de Pontevedra coruñesa, a escasos metros dun centro escolar, e despois de solicitar informe ao Concello.
A seguridade e últimos e tráxicos acontecementos rexistrados na comunidade estiveron entre os principais temas de conversa. Tanto o Valedor do Pobo como o Delegado do Goberno en Galicia amosaron a súa satisfacción pola cordialidade do encontro e comprometéronse a manter estreitos lazos de colaboración sempre que as súas actuacións converxan.


