Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • Educación atende unha recomendación do Valedor e activa un novo protocolo para controlar a admisión de alumnos nos comedores escolares

Educación atende unha recomendación do Valedor e activa un novo protocolo para controlar a admisión de alumnos nos comedores escolares

7 de Novembro do 2011

Voltar

O Valedor nunha recente comparecencia co conselleiro de Educación

Grazas a unha recomendación dirixida polo Valedor do Pobo en favor do cumprimento da normativa en materia de admisión de alumnos no servizo de comedor escolar para evitar discriminacións a Consellería de Educación estableceu un novo protocolo de actuación.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2011.  A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de aceptar expresamente unha recomendación que hai semanas lle dirixira o Valedor do Pobo co obxecto de rematar coas irregularidades detectadas no proceso de admisión de alumnos nos comedores escolares. O departamento da Xunta comprométese deste xeito, nun escrito achegado ao defensor galego, a elaborar un novo protocolo de vixilancia e control dos comedores escolares e aplicalo xa no curso actual.

Como conclusión da investigación aberta para o estudio de “certas irregularidades”  no funcionamento dos servizos complementarios en centros galegos, e máis concretamente, no procedemento de admisión de alumnos nos comedores escolares,  o Valedor do Pobo remitira á Consellería de Educación unha recomendación na que , lembrando a súa obriga “de control e seguimento e avaliación periódica  do funcionamento, xestión e organización do servizo de comedor” promovera unha revisión das condicións de acceso dos usuarios do servizo de xeito que “en todos os casos se cumpra a normativa vixente e non se amparen situacións de desigualdade ou discriminación”.

Parte dos conflictos nacen cando se produce un exceso de demanda de usuarios do comedor, algo que, tal e como recolle o informe dirixido ao Valedor pola subdirección xeral de Xestión Orzamentaria e Recursos Educativos Complementarios, compete ao Consello Escolar dirimir en canto á selección e admisión de usuarios, tendo en conta o procedemento regulamentario que supón a revisión e rebaremación da totalidade das solicitudes, avaliándoas como novas seguindo unha orde de preferencia que ten en conta, entre outros aspectos, que a persoa xa empregara o comedor o curso anterior, que sexa beneficiaria do transporte, a discapacidade e situación socioeconómica, etc.
 A consellería dirixida por Jesús Vázquez comparte co Valedor conclusións acerca do procedemento como, por exemplo que “non poden producirse automatismos na condición de usuarios do servizo motivados polo feito de que o foran o curso anterior”, circunstancia que, como engade, ten necesariamente que actualizarse e avaliarse para comprobar que non variara o criterio polo que foron admitidos.

Protocolo

O departamento da Xunta,  comunica que en colaboración coa Inspección Educativa elaborou un novo protocolo de vixilancia e control dos comedores escolares para o curso actual e que está a comunicar de xeito verbal e expreso a todos os centros educativos para o seu cumprimento.

Segundo indica o Valedor do Pobo, Benigno López González, na súa dilixencia de arquivo, a aceptación da recomendación é a única fórmula que garante que todos os admitidos como usuarios dos comedores cumpren cos criterios establecidos na norma para acceder ao servizo, e permite comprobar, por outra banda, os cambios nas circunstancias do alumnado que poden afectar á perda do seu dereito “sen consentiren situacións de desigualdade no acceso”.