Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • O Valedor dá por aceptada a súa recomendación ao Concello de Monforte para rematar cos prexuízos ocasionados polo ocio nocturno

O Valedor dá por aceptada a súa recomendación ao Concello de Monforte para rematar cos prexuízos ocasionados polo ocio nocturno

22 de Agosto do 2011

Voltar

sede do valedor

A institución decidiu concluír a súa investigación acerca dos ruídos nocturnos da rúa Duquesa de Alba da localidade ao aceptar o concello o contido da súa recomendación "en todos os seus termos" e ter comezado a darlle efectividade.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2011. O Valedor do Pobo, Benigno López González, decidiu concluír a súa investigación acerca dos problemas ocasionados polos locais de ocio nocturno na rúa Duquesa de Alba do Monforte ao ter aceptado o Concello a recomendación que lle remitiu o pasado 16 de marzo e reiterada en tres ocasións posteriores (a última o pasado 21 de xullo) en "todos os seus termos". A institución asina con data de hoxe o escrito no que comunica o arquivo do expediente a un dos afectados, promotor da queixa ante a institución sen prexuízo de que acuda de novo a esta, se o labor municipal comprometido non se fai efectivo ou se demora en exceso.

Contido da recomendación

O Valedor, coa súa resolución, instaba entre outros extremos ao ente local a impedir o consumo de alcohol ás portas dos locais e evitar molestos ruídos que ocasionaba e prexudicaban aos veciños. O alto comisionado parlamentario afirmaba na súa recomendación que estas prácticas figuran como expresamente prohibidas no decreto 320/2002.

Nun segundo termo, a institución recomendaba o concello que avaliara formalmente se se estaban a dar as condicións para que a zona fose declarada como acusticamente contaminada, e que en caso positivo se adoptasen as medidas regulamentarias previstas. O defensor galego insistía así mesmo en que o concello determinase con precisión de forma exhaustiva se os locais da zona contan con licenza de funcionamento e axustan a súa actividade a esta, para evitar que establecementos catalogados como bares ou similares poñan música e permanezan abertos ata altas horas da madrugada.

A recomendación do Valedor foi remitida por primeira vez á autoridade municipal o pasado 16 de marzo e, ante a ausencia de resposta do concello tivo que ser reiterada en data 19 de abril, 20 de maio e 21 de xuño.

O Concello cumpriu finalmente co seu deber de responder ao Valedor do Pobo os pasados 2 e 5 de agosto, nos que remitiu senllos escritos dos que se deduce, indica o alto comisionado "que o ente local acepta o contido da recomendación en todos os seus termos e xa comezou a darlle efectividade".

O concello en cuestión sinala que xa está a evitar o consumo de bebidas ás portas dos locais e promoveu en Xunta de Goberno a declaración da Rúa Duquesa de Alba como zona acusticamente saturada. En canto ás licenzas, o goberno local asegura estar a realizar un inventario de todos os establecementos para poder comprobar se se axustan ao que teñen habilitado.

"É de prever que ao finalizar o labor municipal comezado a situación do problema obxecto da queixa mellorará de forma considerable", recolle a xeito de conclusión o escrito do Valedor do Pobo que insta o afectado a informalo en caso de que se acheguen novos datos ou non se cumpran estes propósitos.