Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • Benigno López: “En crise temos a obriga de abondar na protección dos cidadáns cara a evitar abusos, inxustizas ou incorreccións no trato que reciben dos seus administradores”

Benigno López: “En crise temos a obriga de abondar na protección dos cidadáns cara a evitar abusos, inxustizas ou incorreccións no trato que reciben dos seus administradores”

25 de Xuño do 2011

Voltar

Comparecencia del Valedor

O Valedor compareceu ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia para expor o contido do seu Informe Ordinario 2010. Transmitiu “o diagnóstico imparcial” que os cidadáns lle fixeron chegar e apelou aos poderes públicos a facer “un exercicio de enorme responsabilidade” para cos máis débiles.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2011. O Valedor do Pobo, Benigno López González, compareceu hoxe ante a Comisión de Peticións da Cámara galega, para expor o contido do seu Informe Ordinario 2010, que prosegue deste xeito a súa tramitación parlamentaria. Na súa intervención fixo varias mencións aos tempos de crise que vivimos, nos que, manifestou, “as nosas institucións teñen a obriga de afianzar os seus piares e abondar na misión protectora de quen máis o precisa” cara a evitar, indicou, “abusos, inxustizas ou incorreccións no trato que reciben os cidadáns dos seus administradores”.

Voltando ao aspecto contextual, Benigno López lembrou que a institución que dirixe, ao acadar os 2698 expedientes tramitados en 2010, superou o seu umbral histórico de queixas que, en total, desde que botou a andar a defensoría,  suman máis de 33.000 asuntos; e todo isto, indicou, “nun ano de especial dificultade para a poboación galega”. Neste sentido dirixiuse en primeiro termo aos poderes públicos aos que instou a realizar un exercicio de “enorme responsabilidade para cos máis débiles”,  e, en segundo, aos propios voceiros presentes na Comisión para que “saiban transmitir esta mensaxe de necesidade e o diagnóstico imparcial que os cidadáns nos fixeron chegar no 2010”.

Problemas xa coñecidos

Esta vez dun xeito máis repousado, e tras entregar o informe e difundir ante os medios o seu contido o pasado 1 de xuño,  o Valedor do Pobo tivo a oportunidade de describir polo miúdo cales foron as preocupacións que lle trasladaron os galegos na anualidade, e comezou polos asuntos tramitados pola área de servizos sociais, que principalmente estiveron focalizados a problemas derivados da aplicación da Lei de Dependencia no que persistiron, segundo indicou, incidentes coñecidos dende o ano 2008, como as “inxustificadas demoras e a falta de pago de atrasos en caso de falecemento do dependente sen programa individual de atención (PIA)” ou os atrasos detectados nos expedientes de aplicación, que están a afectar en maior medida aos dependentes severos ou moderados: “Seguimos sendo testemuñas de procedementos desproporcionadamente longos”, expresou.

En canto a emprego público, o defensor galego insistiu unha vez máis na efectividade da súa intervención, a instancia de tres deputados e un grupo de opositores, para aclarar e confirmar as irregularidades detectadas en oposicións ao Sergas e que se concretaron, entre outros aspectos,  na participación no proceso como membros de tribunais de persoas que deberían terse abstido por obriga legal e nas que ademais concorrían relacións familiares e de xerarquía respecto dos opositores. Tamén na presenza de opositores que tiñan colaborado nos procesos sendo traballadores da Dirección de Recursos Humanos.

Víctimas das restriccións
“En época de restriccións orzamentarias parece inaprazable unha profunda mellora na eficiencia do gasto educativo”, manifestou o Valedor do Pobo, ao mencionar que a cuestión educativa foi unha das que suscitou maior número de queixas na anualidade, polo que cre que os recortes deben afectar á educación só como última alternativa. E citou exemplos, como a xestión do transporte escolar, na que, a xuízo de Benigno López, se aplican criterios moi ríxidos, como o da distancia, sen ponderar outras circunstancias máis razoables. “A distancia de dous quilómetros non é igual en zonas urbanas que na montaña, non é o mesmo que o traxecto sexa coincidente cunha liña regular, nin é indiferente a idade dos nenos, nin as condicións climatolóxicas”, citou entre outras variables.

Algo semellante afecta ao concerninte, segundo o Valedor, ás necesidades educativas especiais de parte do alumnado, xa que “a educación inclusiva esixe uns medios técnicos e humanos que grande parte dos centros non ofrecen ou o fan de modo insuficiente”.

O Valedor incidiu, un ano máis, na abundancia de queixas que pesan sobre as zonas contaminadas por saturación de locais de ocio nocturno nas que, aos problemas de ruídos ocasionados por estes, súmanse os propios do deambular de persoas e vehículos polas súas inmediacións. “Unha clara esixencia consiste en non legalizar locais sen licenza ou con licenzas non adecuadas, fundamentalmente porque funcionan como locais ruidosos sen ter licenza para música e horario amplo” defende Benigno López, que tamén considera que segue a haber concellos permisivos para co fenómeno do botellón e que desde a administración autonómica non se abordan de todo os problemas asociados ao consumo excesivo de alcol nestas reunións, como os que afectan á saúde.

No que respecta a sanidade, área tradicionalmente alcista, o titular da defensoría explicou que o maior número de queixas afecta a asistencia especializada e principalmente aos atrasos que acumula tanto para consulta como para cirurxía e que, segundo datos oficiais, resultan rechamanten en especialidades como oftalmoloxía, traumatoloxía, xinecoloxía, dermatoloxía, dixestivo, uroloxía, cardioloxía e cirurxía xeral e dixestiva.

Tamén de atrasos, pero neste caso na xustiza, se queixan os galegos ante o Valedor e iso que este ano, segundo indicou López, apréciase unha pequena tendencia á baixa nas cifras oficiais de pendencia, aínda que ascenden nos xulgados do social como producto da situación económica. “Encontrámonos ante resultados insuficientes para conseguir unha administración de xustiza rápida, áxil e executiva”, asegura.

Tarificación estimada

Polo que respecta a industria, incrementáronse na anualidade as queixas pola subministración de enerxía eléctrica e, sobre todo, pola facturación mensual do consumo na modalidade estimada, un asunto este, sobre o que o Valedor vén de abrir recentemente unha queixa de oficio co fin de aclarar todos os seus extremos. En réxime local, a maior parte das cuestións gardan relación cos servizos municipais de abastecemento de auga, recollida de lixo, saneamento, limpeza viaria e iluminación.

No concerninte a urbanismo, persisten as demoras inxustificadas na resolución de expedientes de reposición de legalidade urbanística ou atrasos na execución dos acordos de demolición; mentras que en vivenda houbo unha menor presenza das queixas referidas á renda básica de emancipación que se igualaron, en 2010, as relativas ao programa autonómico de alugamento con problemas principalmente baseados na relación arrendaticia.

O Valedor do Pobo, por outra banda,  denunciou unha vez máis ante a Comisión a demora na que incorre o Xurado de Expropiación de Galicia na fixación definitiva do prezo xusto nestes procedementos.

Alcistas
Unha das áreas que experimentou na anualidade un crecemento importante foi a de menores, ao ter duplicado o número de queixas atendidas e que gardaron relación, principalmente, con irregularidades detectadas en procesos de adopción, co estado de puntos de encontro familiar ou nas relaciones cos equipos de menores.

Tamén na área de cultura e política lingüística gañou peso, ata sete veces maior, o subapartado cultural, pola importante repercusión das queixas en demanda da preservación dos petroglifos en Galicia, o que motivou unha recomendación da institución á Xunta para que mellore a mesma.