Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • O Valedor diríxese de oficio á Consellería de Economía e Industria para investigar “os excesos” na aplicación da tarifa eléctrica estimada

O Valedor diríxese de oficio á Consellería de Economía e Industria para investigar “os excesos” na aplicación da tarifa eléctrica estimada

5 de Maio do 2011

Voltar

Valedor do Pobo

A institución tramitou 57 queixas nas que os cidadáns denuncian a súa desconformidade coa liquidación mensual do consumo eléctrico doméstico.

Santiago de Compostela, 5 de maio 2011. A institución do Valedor do Pobo decidiu abrir unha queixa de oficio e solicitar informe á Consellería de Economía e Industria para investigar as disfuncións provocadas pola aplicación da tarifa estimada por parte das empresas de subministración eléctrica ás familias galegas. Nun escrito remitido hoxe ao departamento da Xunta, o Valedor pide explicacións sobre as medidas que se habilitarán para rematar cos "excesos existentes".

Desde a entrada en vigor da facturación eléctrica mensual, o pasado 1 de novembro de 2008 , que supuxo a aplicación de estimacións de consumo nos subministros de enerxía social e doméstica, o Valedor do Pobo recibiu un total de 57 queixas, que principalmente amosaban a súa desconformidade para con catro aspectos. En primeiro lugar, os afectados fan referencia a cálculos erróneos na factura estimada que, segundo o Valedor chegan a superar "en máis de 100 euros a cifra real de consumo". Outra das queixas recorrentes ten que ver coa facturación, ao longo de varios meses, por un consumo non contratado como consecuencia do cambio de tarifa de discriminación horaria. Tal e como achega Benigno López ao conselleiro, non menos habituais resultaron as reclamacións sobre as facturacións descompensadas entre a vivenda habitual e a segunda vivenda, ao carecer dun factor de redución anual; e tampouco, en último lugar, as diferencias entre a factura real e a estimada "que obriga ao usuario ao pagamento por anticipado dun consumo real posterior", matiza o Valedor.

Con data de hoxe, o Valedor do Pobo dirixe un escrito ao conselleiro de Economía e Industria para que, no marco desta investigación de oficio "informe sobre as actuacións practicadas e as medidas previstas coa finalidade de reparar os excesos existentes que inciden nos dereitos recoñecidos ao consumidor e usuario do devandito servizo universal".

A disposición adicional sétima do Real decreto 157/2008, do 26 de setembro, establece que a facturación das tarifas de subministración de enerxía eléctrica social e domésticas (ata 10 kw de potencia contratada) a partir do 1 de novembro de 2008 se efectuará pola empresa distribuidora mensualmente levándose a cabo con base na lectura bimestral dos equipos de medida instalados para o efecto.

A aplicación desta norma xerou múltiples denuncias de asociacións de consumidores e usuarios sobre a estimación mensual do consumo da enerxía eléctrica, realizada polas empresas comercializadoras nas facturacións aos seus clientes domésticos e á súa regularización ao mes seguinte, cando se efectúa a lectura real do contador; e que non deixaron á marxe o Valedor que recibiu nos últimos meses numerosas reclamacións ao respecto.