Actualidade
O Valedor do Pobo abre o seu perfil na rede social Twitter
19 de Abril do 2011
A institución súmase ao microblogging institucional e inaugura o seu propio perfil en Twitter (http://twitter.com/Valedordopobo) coa intención de estar máis cerca da cidadanía e dos novos instrumentos de comunicación.
Santiago de Compostela, 19 de abril 2011. O Valedor do Pobo acaba de estrear un perfil propio na rede social Twitter (http://twitter.com/Valedordopobo), a principal ferramenta de microblogging existente na actualidade e que lle permitirá estar máis próximo á cidadanía e coñecer os seus intereses. Como institución de defensa dos dereitos das persoas e, en concreto, dos máis novos, o Valedor do Pobo pon en marcha esta nova plataforma para facer pedagoxía dos mesmos e estar en contacto co novo perfil de usuario que se entrelaza por medio das redes sociais.
A sensibilidade do Valedor do Pobo para co uso seguro das novas tecnoloxías non resulta nova. De feito hai anos que a institución iniciou sucesivas campañas de concienciación sobre o uso seguro das tecnoloxías entre os máis novos por medio de anuncios televisivos, cartelería e publicacións didácticas. A presenza do defensor nas redes sociais, neste primeiro momento en Twitter, supón un punto e seguido nesa tarefa de contribuír a que os adolescentes coñezan os perigos aos que se enfrontan nas mesmas e poidan interactuar en demanda de axuda.
Ademáis a presenza do Valedor en Twitter vai contribuír á difusión de informacións de carácter institucional e sobre os problemas que os galegos lle fan chegar por medio das súas queixas e cos que os propios usuarios das redes poden sentirse identificados.
O Valedor do Pobo é un dos primeiros defensores autonómicos en sumarse a esta tendencia, precedido, por exemplo, dos seu homónimos catalán e vasco, que aglutinan algunhas experiencias con esta ferramenta.
En 140 caracteres
Twitter constitúe unha enorme rede de comunicación en tempo real, na que os usuarios se conectan e comparten intereses. Baséase en pedazos de información chamados tweets de non máis de 140 caracteres que se poden acompañar de información adicional e multimedia. A presenza do Valedor nesta rede social constitúe un paso más en favor da información por medio dos novos instrumentos, que se ampliará en breve coa presenza da institución noutras redes sociais.


