Actualidade
María José Castro Carballal, nomeada Secretaria Xeral da institución do Valedor do Pobo
9 de Febreiro do 2011
O Valedor do Pobo designou con data de hoxe a esta compostelá Secretaria Xeral da institución, un posto que ocupaba en funcións dende o ano 2009.
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2011. O Valedor do Pobo, Benigno López González, nomeu con data de hoxe á compostelá María José Castro Carballal como Secretaria Xeral da institución, un posto que ocupaba en funcións dende o ano 2009, aínda que a súa experiencia no seo da defensoría suma máis de dez anos dende que no 1999 se fixera cargo da xefatura de servizo e persoal.
Castro Carballal conta cunha dilatada experiencia profesional, tanto dentro da institución do Valedor do Pobo como nas diferentes administracións coas que tivo a oportunidade de colaborar, primeiro como letrada dos servizos xurídicos da entón Consellería de Traballo, Seguridade Social e Emigración (1985) e máis adiante como xefa do servizo xurídico da Consellería de Agricultura, Gandeiría e Montes (1987) ou como subdirectora xeral de xustiza na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (1994).
No ano 1999 accedeu á institución do Valedor do Pobo como responsable da Xefatura de servizo de administración e persoal, cargo que compatibilizou ata o día de hoxe coa Secretaría Xeral en funcións, que ostenta dende o ano 2009.
No que se refire á súa formación, María José Castro Carballal é Licenciada en Dereito e Diplomada en Comunidades Europeas pola Universidade de Santiago de Compostela e conta no seu haber co diploma de directiva dende o ano 1996 e co diploma de inspección de servizos da Xunta de Galicia dende 1998. Durante a súa traxectoria profesional tivo a oportunidade de afondar no coñecemento das políticas rexionais na Unión Europea, tomando parte, por exemplo, en programas europeos de intercambio de funcionarios da Xunta en Francia e con estadías temporales na Fundación Galicia Europa en Bruxelas.


