Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

Grupos de escolares e universitarios visitaron a sede do Valedor

19 de Xaneiro do 2011

Voltar

Un grupo de estudantes atende ás explicacións do persoal da institución

Durante o mes de decembro os percorridos resultaron máis habituais.

Diferentes grupos de estudantes universitarios e de alumnos de educación secundaria e bacharelato de centros repartidos por toda Galicia tiveron a oportunidade de percorrer durante o ano pasado as dependencias do Valedor do Pobo e coñecer, de man do seu persoal, tanto a súa orixe e funcións como o seu compromiso e/ou utilidade para con estes colectivos. Nas súas visitas, os participantes adoitan formular as súas dúbidas ou comentarios sobre a institución algo que co tempo, repercute en beneficio dunha maior difusión exterior do Valedor do Pobo.

Entre os representantes universitarios, a defensoría recibiu a grupos procedentes da Facultade de Dereito de Vigo (5 de marzo), Facultade de Ciencias Sociais do Campus de Pontevedra (22 de abril) e Facultade de Dereito de Ourense (17 de decembro). En canto aos institutos, puideron coñecer a institución en persoa grupos de alumnos procedentes do IES Pedro Floriani de Redondela (8 de febreiro), do IES Isidro Pondal de Carballo (11 de maio), do IES Río Cabe de Monforte (15 de decembro), do IES Auga de Laxe de Gondomar (20 de decembro) e do IES A Paralaia de Moaña (21 de decembro).

Política de portas abertas

O Valedor do Pobo recibe con frecuencia visitas de grupos organizados (colexios, asociacións...) que se realizan en horario de mañá e contan cunha duración aproximada de 30 minutos. Para facilitar o percorrido, os grupos non poden superar as 20 ou 30 persoas. Durante a visita percórrense diversas zonas do edificio mentres se explica o funcionamento da institución e respóndese ás preguntas dos presentes.

Para organizar unha visita ao Valedor do Pobo débese concertar unha data a través do formulario dispoñible na páxina web do Valedor, na seguinte dirección: http://www.valedordopobo.com/index.php?s=8.