Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • O Valedor resolve as 71 queixas que os cidadáns presentaron polos incidentes rexistrados no concerto de Springsteen

O Valedor resolve as 71 queixas que os cidadáns presentaron polos incidentes rexistrados no concerto de Springsteen

11 de Febreiro do 2010

Voltar

Queixas

Benigno López González entende que a defensa dos dereitos dos consumidores, principal motivo das queixas dos cidadáns, queda garantida co pago de danos e prexuízos proposto no procedemento arbitral aberto con este motivo.
Aínda que a responsabilidade do Concello de Santiago en materia de seguridade queda sen aclarar, menciona como avance a aprobación dun novo decreto da Xunta que regula o control de acceso a espectáculos públicos.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2010. As actuacións emprendidas por diferentes administracións implicadas permitiron ao Valedor do Pobo, Benigno López González, resolver os máis de 70 expedientes de queixa abertos tralos presuntos incidentes coa organización e seguridade no concerto de Bruce Springsteen,  celebrado o pasado 2 de agosto no Monte do Gozo de Santiago. Na meirande parte dos casos as reclamacións cidadás centrábanse en reivindicar os seus dereitos como consumidores. A existencia dunha proposta de sanción á empresa distribuidora así como a posibilidade de que os afectados acaden arranxos amigables relativos aos danos e prexuízos ocasionados, medidas das que informou recentemente ao Valedor do Pobo o Instituto Galego de Consumo, fanlle deducir ao alto comisionado parlamentario que “a actuación da administración neste concreto ámbito parece adecuada”.

Non ocorre o mesmo no referido ás cuestións de seguridade e control do acceso ao recinto, nas que a investigación do Valedor do Pobo implicou tanto ás Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza;  á Consellería de Cultura e Turismo (como titular do recinto) e mesmo ao Concello de Santiago;  co obxecto de aclarar as responsabilidades. Este último nos dous informes remitidos ao defensor galego “deixa de aclarar o actuado no tocante por exemplo á organización e despregue do efectivo de protección civil ou as medidas esixidas polo incremento de aforo”,  segundo se recolle nas resolucións firmadas con data de hoxe polo Valedor e que chegarán en breve aos afectados. Neste senso,  o ente local limita as súas competencias ao tráfico e o transporte ao Monte do Gozo e o “acompañamento do artista dende o aeroporto de Lavacolla ata o recinto do concerto” algo que cando menos “resulta rechamante” ao Valedor.

Competencia dos concellos
O informe da Consellería de Presidencia precisamente fai fincapé en que “en materia de protección civil a competencia corresponde aos concellos” e mesmo as que teñen que ver coa autorización de incremento de aforo e as obras correspondentes. Segundo informa o Valedor, o consistorio compostelán así o recoñece nos seus escritos “aínda que sen aclarar as medidas que no ámbito da seguridade foron aplicadas por tal circunstancia”.

A Consellería de Cultura e Turismo, pola súa banda, como titular do recinto, manifestou que cedera o mesmo a unha empresa privada por medio dun contrato que incluía que a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo “ en ningún caso responsabilizarase dos accesos e transportes públicos nin seguridade, aparcamentos, nin facilitará persoal nin oficinas”.  Por medio do citado acordo, a empresa asumía en exclusiva todas as responsabilidades derivadas da organización e xestión destes aspectos, o que permitiu ao Valedor concluír que “non parece que poida derivarse responsabilidade desa condición, nin tampouco é materialmente responsable de competencia algunha en materia de seguridade”.

Novo decreto
O escrito do Valedor do Pobo dedica un dos últimos parágrafos a lembrar que recentemente a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 8/2010, de 21 de xaneiro, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, o que pode supor avances na materia, ao definir as funcións do persoal que se poñe fronte aos mesmos.  

O Valedor do Pobo entende, como conclusión,  que non parece preciso continuar a investigación dos 71 expedientes, aínda que se reserva o dereito a reabrila “en caso de que os afectados aporten novos datos”. Ademais anuncia que as actuacións das diferentes administracións e órganos serán obxecto dun “amplo comentario” no próximo Informe que dirixa ao Parlamento.