Actualidade
O Valedor do Pobo amósase “esperanzado” porque o contido do novo decreto de dependencia contempla as súas recomendacións na materia
5 de Febreiro do 2010
Benigno López González recibiu esta mañá na súa sede á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, un día despois de que o Consello da Xunta dese o visto bo ao novo decreto de dependencia.
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2010. O Valedor do Pobo, Benigno López González, recibiu esta mañá na súa sede compostelá á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato Otero, con quen mantivo unha entrevista de corenta minutos, horas despois de que o Consello da Xunta aprobara o novo decreto de dependencia que, como subliñou o alto comisionado parlamentario ao remate da xuntanza “contempla e acolle todas as nosas recomendacións” na materia, algo que lle fai sentir “esperanzado”.
A nova normativa sobre dependencia, que acurta á metade os prazos da tramitación nas súas dúas fases e recoñece a retroactividade nos casos nos que o dependente faleza durante o procedemento, tal e como reclamaran nas súas queixas ducias de cidadáns que acudiron ao Valedor do Pobo nos dous últimos exercicios, centrou a axenda do encontro. Ao remate do mesmo, o Valedor do Pobo manifestou que a pesares da demora “ven á luz o novo decreto que se ben non acolle nun 100%, si o fai nun 99%, o total das recomendacións e indicacións que se lle fixeron ao anterior e ao actual goberno en cuestión de dependencia”.
Vixilancia
Benigno López indicou non obstante que desenvolverá ao longo dos próximos meses un traballo intenso de vixilancia para probar que tanto a aplicación como o desenvolvemento da nova normativa cumpre cos obxectivos marcados e xurdidos da Lei de Dependencia. Segundo aseverou “dende o 2008, o Valedor do Pobo recibiu numerosas queixas nas que os cidadáns denunciaron situacións de necesidade ou dependencia en relación coa aplicación da Lei que xerou numerosas amplas e ilusionantes expectativas na sociedade”.
Rexeitadas nun principio
O Valedor do Pobo emitiu ao longo do 2008 e 2009 diferentes recomendacións encamiñadas a resolver problemas reiterados polos cidadáns nos seus escritos, e que foron rexeitadas polo Goberno Bipartito na anterior etapa. Coa chegada da nova conselleira, o pasado mes de abril de 2009, Benigno López decidiu remitirllas a este departamento nos mesmos termos. “A pesares do tempo transcorrido, o novo decreto as ten en conta”, indicou.
A conselleira de Traballo e Benestar, pola súa banda, destacou o interese que tiña en presentar o novo decreto ao Valedor que, como institución que defende os dereitos dos cidadáns, recibe reclamacións que teñen que ver coa Lei de Dependencia. Do contido do mesmo destacou principalmente tres aspectos: a axilidade que se lle dará á tramitación, a urxencia e gravidade do dependente que se ten en conta para darlle entrada ao sistema de atención, e, por último, o recoñecemento dos dereitos das persoas que faleceron agardando. Neste último aspecto confirmou ter recibido as múltiples reclamacións remitidas polo Valedor do Pobo e destacou que, á hora de ofrecer unha solución, a comunidade será “pioneira en darlle resposta a todas as persoas que sufriron gasto atendendo aos dependentes dende que solicitaron a axuda”.
Durante o seu mandato, e antes de que se coñezan os resultados do Informe Ordinario 2009, que nos próximos meses se presentará ao Parlamento de Galicia, o Valedor recoñeceu ter atendido na institución cerca de catrocentas queixas de cidadáns chegadas sobre problemas relacionados dun ou doutro xeito coa dependencia, das que un 1% ou 2% do total reflectían situacións nas que o dependente falecera antes de percibir a axuda.


