Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • Novo recordatorio de deberes legais ao Concello de Boiro, un ano despois da visita dos representantes do Valedor polos problemas co ocio nocturno

Novo recordatorio de deberes legais ao Concello de Boiro, un ano despois da visita dos representantes do Valedor polos problemas co ocio nocturno

20 de Xaneiro do 2010

Voltar

Interior da sede do Valedor

Cumpiuse un ano da xuntanza no Concello barbanzán de representantes do Valedor co alcalde e as demoras e a inconcreción do ente local na remisión dos seus informes impide resolver varias queixas vencelladas cos problemas derivados do ocio nocturno na localidade.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2010. Cando se cumpre un ano da visita de dous representantes da institución do Valedor do Pobo ao Concello de Boiro (12 de xaneiro de 2010), as queixas tramitadas por esta institución dende o ano 2006 sobre diferentes problemas co ocio nocturno en zonas do Concello seguen a estar sen resolver, en grande parte motivado polas excesivas demoras que acumula este ente local á hora de remitir os informes ao alto comisionado autonómico (esgotando os prazos e requerimentos habituais); e unha vez que os fai chegar,  pola inconcreción dos mesmos,  nalgúns aspectos nos que o Valedor do Pobo reclama exactitude e exhaustividade. 

O último recordatorio de deberes legais que o Valedor do Pobo dirixiu ao Concello remitiuse con data de rexistro de saída desta institución o pasado 20 de outubro de 2009. Cumprido o prazo establecido por lei sen recibir a resposta por parte da Alcaldía, (tendo en conta o previsto no artigo 32.2 da Lei do Valedor do Pobo estes funcionarios e autoridades deberán responder sempre por escrito e no prazo dun mes), requiriuse novamente a resposta pendente en dúas ocasións, con data do pasado 26 de novembro de 2009 e por última ocasión o pasado 13 de xaneiro de 2010.

Dito recordatorio diríxese nos seguintes termos ao Alcalde de Boiro:

“Que con urxencia se proceda a dar cumprimento ás responsabilidades municipais non aclaradas no seo do presente expediente en relación á contaminacións acústica que sofren os numerosos veciños que acudiron a esta institución co fin de que se preserven os seus dereitos fundamentais prexudicados pola actuación ou abstención do ente local, especialmente o dereito á intimidade persoal e familiar no ámbito domiciliario (art. 18 1 e 2 CE).

Que en relación co ruído na rúa se dea estrito cumprimento ao previsto nos artigos 12.1 e 26.5 do Decreto 320/2002, de tal forma que non se consuma na rúa o adquirido en locais de ocio ou o adquirido previamente en establecementos comerciais ordinarios (botellón).

Que en relación cos controis preventivos dos establecementos se determine con precisión e de forma exhaustiva se os numerosos locais obxecto da queixa, mencionados polo propio ente local, axustan a súa forma de funcionar ao habilitado para cada un deles na súa correspondente licenza de funcionamento.

Que, unha vez realizada a labor mencionada no parágrafo anterior e corrixidos os locais que non se axusten ao previsto na súa licenza, se aínda así continúan os prexuízos definidos no art. 12.2 do Decreto 320/2002, o que debería comprobarse, entón de inmediato se proceda a declarar a zona como acusticamente saturada, de acordo co previsto no citado artigo, e que se adopten con urxencia todas as medidas adecuadas para reconducir a situación, tamén de acordo co previsto”.

 Os recordatorios de deberes legais constitúen unha ferramenta que o Valedor do Pobo ten ao seu alcance para lembrar formalmente aos diferentes órganos o seu deber de colaborar en prazo coa institución, tendo en conta que estes, segundo o artigo 26.1 da Lei 6/1984, do Valedor do Pobo, establece que “os poderes públicos de Galicia están obligados a prestar o auxilio e cooperación que lles sexan demandados polo Valedor do Pobo nas súas investigacións e actuacións”.

Entretanto, algúns dos afectados seguiron amosando ante o Valedor o seu malestar porque os problemas, lonxe de solucionarse nos últimos meses, parece que van a máis. Nos seus escritos, por exemplo, denuncian que algúns locais do Callexón do Rañó seguen a incumplir a Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica e mesmo producíronse actos de vandalismo de “fatales consecuencias” como din, os pasados 31 de outubro e 21 de novembro.

Nas queixas presentadas, os afectados denunciaban que os principais problemas estanse a concentrar na zona comprendida entre a Rúa Principal, Praza da Mancomunidade, Rúa Pablo Iglesias e Avda. da Constitución, en pleno centro urbano de Boiro e a escasos centos de metros da Casa Consistorial. Sinalaban que a situación empeorou con respecto á de partida; a concesión de licencias a locais deste tipo continúa e os problemas directos e indirectos provocados por estes vense agravados.

Tras múltiples encontros, o Concello anunciou en febreiro de 2009 que estaba preparando unha ordenanza que, ademais doutras medidas, incluiría o mínimo a manter polos locais de ocio nocturno coma requisito para a concesión de licencias. Sen embargo, a distancia mínima dos locais, un dos aspectos esenciais, foi eliminada da proposta inicial. A redacción final da ordenanza defraudou aos veciños, en especial se tense en conta que existen outros Concellos nos que a limitación se da.

O Valedor do Pobo brinda unha nova oportunidade ao Concello de pór remedio a esta situación de bloqueo, e de esgotar as vías do diálogo,  no eido do conxunto de accións dun expediente que recibiu as primeiras queixas veciñais xa no ano 2006 e que suma máis de 74 trámites diferentes dende a súa apertura.  As demoras nas súas resposta e os múltiples recordatorios de deberes legais xa foron froito de comentario nos últimos informes ordinarios da institución ante o Parlamento de Galicia, a última vez co gallo da presentación da memoria correspondente ao 2008.