Actualidade
O Valedor do Pobo distribuirá 500 exemplares da revista que resume o seu Informe Ordinario 2008
14 de Decembro do 2009
O Alto Comisionado Parlamentario iniciou o envío da publicación que inclúe un cedé co informe completo correspondente ao exercicio pasado.
- Descargue: Un exemplar completo da revista (.pdf)
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2009. O Valedor do Pobo iniciou o envío de cincocentos exemplares da segunda edición da revista na que resume o contido do seu Informe Ordinario, que nesta ocasión corresponde á actividade despregada durante o ano 2008. A publicación, que inclúe o documento íntegro da memoria nun cedé no seu interior pretende achegar á cidadanía, tal e como manifesta López González na introdución da mesma, "aos principais aspectos da actividade despregada no transcurso do exercicio 2008".
Ao longo das 88 páxinas desta revista bilingüe galego-castelán ofrécese un percorrido inicial polas estatísticas correspondentes a anualidade, logo de ser presentadas ao pleno do Parlamento de Galicia o pasado mes de setembro . Noutro capítulo faise unha análise pormenorizada dos asuntos que preocuparon aos galegos, con mención concreta aos os seus problemas dos dependentes, as axudas á emancipación, os ruídos derivados do lecer nocturno o complicado acceso á información no ámbito municipal, entre outros.
O ano pasado, con motivo da estrea deste novo formato outorgado aos informes do Valedor, o seu titular falaba do inicio dun longo camiño de traballo para "sentar as bases dunha institución moderna e nova, cun plan de traballo definido que primase ante todo a relación co cidadán, a axilidade nas xestións e a transparencia". Nesta ocasión, manifesta que o 2008 permitiulle "encamiñar esta obra e podo manifestar que os alicerces afianzáronse grazas a diferentes actuacións".
Primeiro exercicio íntegro
O informe resumido na revista corresponde ao primeiro exercicio que Benigno López González dirixiu de xeito íntegro, o que, segundo afirma, permítelle visualizar cunha máis ampla perspectiva asuntos que realmente preocupan aos cidadáns. "É agora cando corresponde aos poderes públicos facer un especial exercicio de responsabilidade na súa análise, xa que só eles poden atender as situacións denunciadas, valoralas e habilitar os mecanismos necesarios para que estas non se repitan", asegura.
Actividade investigadora
A actividade investigadora despregada polo defensor galego durante a anualidade merece unha sección específica na publicación. Así se recordan algunhas das cuestións que espertaron o interese deste Alto Comisionado Parlamentario, por exemplo a apertura de investigacións sobre o traslado ilegal de menores inmigrantes a Galicia, procedentes do País Vasco, os problemas de mal cheiro e sabor da auga na zona da Coruña ou a saturación das urxencias nos hospitais de Vigo.
Tras facer un breve repaso pola actividade despregada no campo das institucións, marcada principalmente pola presentación do Plan estratéxico da institución a cinco anos así como diferentes campañas de divulgación de dereitos, ofrécese aos lectores información práctica sobre como presentar iniciativas, cales son os requisitos e para que serven.
A revista remitirase nos próximos días á Presidencia da Xunta e as súas Consellerías, así como a diferentes órganos da administración militar, relixiosa, sanitaria, política, social, medios de comunicación, Parlamento, Congreso e Senado e outras defensorías autonómicas e do estranxeiro. Ademais a revista resumen correspondente ao 2008 ponse a disposición dos interesados na páxina web do Valedor (www.valedordopobo.com) onde, se o desexan, poden solicitar un exemplar, por medio dun formulario en liña.


