Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • Comunicación institucional do Valedor do Pobo no 61º Aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

Comunicación institucional do Valedor do Pobo no 61º Aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

10 de Decembro do 2009

Voltar

Valedor do Pobo

Benigno López suscribe este 10 de decembro unha declaración institucional para ratificar o seu compromiso para co documento "para acadar o pulo necesario para traballar intensamente en pro do benestar máximo dos cidadáns".

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO 10 DE DECEMBRO, ANIVERSARIO DA DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS 

Nunha data como a de hoxe, o Valedor do Pobo, a institución galega que ten encomendada a función de garantir os dereitos das persoas mediante a supervisión das políticas públicas das administracións, conmemora con especial entusiasmo a proclamación,  fai 61 anos, un 10 de decembro de 1948, da Declaración Universal dos Dereitos Humanos pola Asemblea Xeral da ONU. Esta efeméride permítenos cada ano ratificar o noso compromiso cara á mesma para alcanzar o impulso necesario para traballar intensamente en prol do benestar máximo dos cidadáns.

Tras vinte e cinco anos da creación por Lei da institución do Valedor do Pobo, e a piques de cumprirse o vixésimo aniversario da súa posta en marcha, pódese afirmar que hoxe os galegos maduraron na interiorización dos seus dereitos básicos de carácter civil, político, social, económico e cultural indisociables da súa condición de persoa. Os capítulos 1 e 2 da Declaración que hoxe recordamos recollen os principios básicos ao redor dos que se artellan moitas das resolucións asinadas a diario polo Valedor do Pobo como a liberdade, a igualdade, a fraternidade e a non discriminación.

A vulnerabilidade dalgúns colectivos, no entanto, e a dimensión dalgúns dos problemas que lles axexan na súa vida ordinaria e nas súas relacións coa administración, outorgan un papel aínda máis importante a institucións como a nosa, que loita contra as discriminacións sociais calquera que sexa a súa orixe. O Valedor do Pobo asume deste xeito un compromiso máis activo na vixilancia das presuntas inxustizas que se poidan cometer para con algúns colectivos como o dos maiores, cuxas necesidades moitas veces non están sendo correspondidas cun aumento de recursos; ou o dos máis pequenos aos que o acceso á administración, por cuestións evidentes, resulta case infranqueable.

Hai un ano todos os Defensores do Pobo xuntábamonos en Barcelona para conmemorar os 60 anos da Declaración dos Dereitos Humanos cunha comunicación consensuada en defensa da nosa tarefa.  Hoxe volve ser unha xornada para recordar e ratificar unha vez máis o compromiso do Valedor do Pobo para con todos os cidadáns que acudan a esta institución en demanda de axuda. Porque para este Valedor non hai asuntos grandes nin pequenos, senón que todos eles, sobre todo cando supoñen a vulneración de dereitos inherentes á sociedade, requiren do noso máximo empeño e dedicación.



Valedor do Pobo