Actualidade
O Valedor do Pobo participa na Conferencia Anual da ENOC
22 de Setembro do 2009
Trinta e cinco defensores de rexións europeas asisten en París á xuntanza anual da principal Rede europea para a defensa dos dereitos dos nenos.
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2009. O Valedor do Pobo, Benigno López González, será un dos trinta e cinco defensores presentes na Conferencia Anual da European Network of Ombudspersonsfor Children (ENOC) que se celebra dende mañá e ata o próximo día 25 na International University Centre de Paris.
O encontro, que estará presidido polo Défenseur deas Enfants de Francia, Dominique Versini, coincide nesta ocasión coa conmemoración do XX Aniversario da Convención dos Dereitos Humanos dos nenos.
Durante as sesións de traballo previstas, analizarase a aplicación dos dereitos dos menores nos diferentes países representados e en relación a temas como: o dereito do neno a ser oído ante a xustiza, os dereitos dos menores con minusvalidez, a súa participación nas decisións que lles afectan, a situación dos nenos internados en institucións ou familias de acollida, dos fillos de persoas que están na cadea, a necesidade de avogar por unha xustiza axeitada á idade dos menores, etc.
A rede fará pública unha comunicación oficial acerca do problema dos nenos que participan en conflitos armados. Segundo un informe do Secretario Xeral das Nacións Unidas, case 2 millóns de nenos morreron nos dez últimos anos en diferentes enfrontamentos, 6 millóns resultaron feridos ou permanentemente discapacitados e 20 millóns víronse obrigados a fuxir das zonas de conflito.
Máis de dez anos de traballo
A ENOC foi fundada en 1997 para aglutinar diferentes institucións encargadas da defensa dos dereitos do neno en Europa e o seu labor está recoñecido polo Comité dos Dereitos do Neno das Nacións Unidas con sede en Xenebra, un órgano encargado de supervisar a Convención Internacional sobre os Dereitos do Neno.
Esta entidade conta cunha secretaría permanente con sede en Estrasburgo, onde traballa en estreita colaboración co Consello de Europa, a Comisión Europea e as Nacións Unidas.
Na actualidade a rede conta con 35 membros en 28 países. O Valedor do Pobo foi admitido como membro de pleno dereito no ano 2008.


