Ferramentas

Menú Principal

Importante

Axenda

Área Privada

Actualidade

  • Inicio>
  • Actualidade>
  • Novas>
  • O Valedor do Pobo distribúe entre 100.000 escolares de Infantil e Primaria un tríptico con recomendacións para navegar seguros na Rede

O Valedor do Pobo distribúe entre 100.000 escolares de Infantil e Primaria un tríptico con recomendacións para navegar seguros na Rede

6 de Marzo do 2009

Voltar

Unha das imaxes empregadas no tríptico

A guía, que está a ser remitida aos centros escolares galegos, inclúe consellos para que os menores fuxan dos riscos e pidan o asesoramento dos seus pais ou profesores nas súas prácticas en liña.

  • DESCARGUE O TRÍPTICO AQUÍ

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2009. “Internet é moi útil para aprender, informarse e xogar, pero tamén é perigoso porque contén enganos e mentiras”. Baixo esta premisa, o Valedor do Pobo distribuirá entre alumnos de Infantil e Primaria dos centros escolares galegos 100.000 exemplares dun tríptico dirixido a fomentar a utilización segura por parte dos menores dos novos medios que teñen ao seu dispor para comunicarse.  As precaucións apuntadas deben ser tidas en conta, segundo informa o Alto Comisionado Parlamentario, “tanto nas páxinas web como en chats, no mail ou en redes sociais” xa que como engade “hai persoas que queren saber da túa vida para aproveitarse e facerte dano”.

Cunha linguaxe que lles resultará familiar e un deseño xuvenil, a guía quere concienciar aos máis pequenos dos riscos que supón navegar sen contar coa supervisión familiar ou do seu profesorado e mesmo sobre o perigo de facilitar datos persoais ou de terceiros por medio da rede. “Non esquezas que ti es o único dono dos teus datos e que tes dereito a controlar o uso que se faga deles”, pódese ler no documento no que se indica que no caso dos menores de catorce anos son os pais os únicos que poden autorizar o tratamento dos datos.

Fuxir do intercambio de datos con estranos e preservar en segredo as claves e contrasinais de uso particular son dúas das boas prácticas apuntadas pola guía na que se recollen,  a modo de decálogo,  un bó puñado de suxestións que lembran a este sector da poboación, vulnerable pola súa natureza,  que en Internet “non todo o mundo é quen di ser” polo que se deben extremar as precaucións.

Suxestións útiles
“O mellor é usar Internet acompañado por teus pais ou polos teus profesores”, “non deas datos teus a ninguén descoñecido e non intercambies fotos nin información”, “mantén en segredo as túas claves e contrasinais!”; así de contundentes son as mensaxes dirixidas aos escolares aos que se lles lembra que tampouco é seguro facilitar información de amigos e familiares.

Parte das recomendacións xiran en torno a quen pode ter contacto cos pequenos internautas, e neste senso se pide aos nenos que só compartan información con amigos que coñezan de antes e que nunca inviten a estranos nas redes e chats. “Se necesitas rexistrarte en algo, que o fagan por ti teus pais e profesores”, recolle o documento que estará a dispor dos escolares en todos os centros galegos. O tríptico tamén recomenda o uso de nicks ou seudónimos para preservar a intimidade dos usuarios.

Por medio desta publicación, os alumnos poderán aprender que a descarga de arquivos ou programas que non se coñecen é tamén moi perigosa, ao existir aplicacións espía que se instalan nos ordenadores “para roubar o que hai neles e cometer delitos”. A publicación de fotos sen permiso dos retratados, ou a apertura de páxinas persoais ou bitácoras, sen facer que o coñezan os familiares ou docentes forman parte das malas prácticas citadas.

Para concluír, o Valedor do Pobo aconsella aos usuarios máis pequenos da rede, non por iso os menos expertos, que se notan algo estraño cando naveguen ou teñen dúbidas, que llas fagan chegar aos seus próximos.

Compromiso co menor
A campaña do Valedor do Pobo forma parte da serie de actuacións que dirixe aos menores, un colectivo vulnerable, co que ten adquirido un compromiso de protección dos seus dereitos reflectido na Lei 337/1997 Galega da Familia, da Infancia e da Adolescencia que regula a especialización dun dos seus Vicevaledores en cuestións vencelladas coa infancia. Durante o ano 2007 o Alto Comisionado Parlamentario tramitou 29 queixas relacionadas dalgún xeito con este sector da poboación e cada vez son máis as preocupacións derivadas do contacto destes cos medios de comunicación, a protección de datos e as novas tecnoloxías.

Coa edición do folleto, financiada coa colaboración da Consellería de Presidencia, o Valedor do Pobo aspira a achegarse aínda máis a este sector da poboación e brindarlle ferramentas para mantener intactos os seus dereitos.

Pdf