Actualidade
O Valedor ven de ser recoñecido membro de pleno dereito da Enoc
8 de Setembro do 2008
O Valedor do Pobo foi recoñecido como membro de pleno dereito da ENOC, a rede europea de "ombudsman" pola defensa dos dereitos da infancia. A materialización do ingreso na rede fíxose no congreso anual da organización que se ven de celebrar en Dublín.
Santiago de Compostela. A institución do Valedor do Pobo foi recoñecida como membro de pleno dereito da ENOC, a rede europea de ombudsman defensores dos dereitos da infancia, no transcurso do seu congreso anual celebrado entre os días dous e seis de setembro, e ao que asistiu unha representación deste alto comisionado, presidida polo propio Valedor, Benigno López.
A European Network of Ombudsmen for Children (ENOC) é unha entidade de carácter europeo que reúne a axentes independentes na defensa dos dereitos da infancia. Como representación española figuran entre os seus membros de pleno dereito soamente o Defensor do Menor de Madrid e o Síndic des Greuges de Cataluña.
A incorporación do Valedor do Pobo a esta rede permitirá á institución galega coñecer as experiencias e prácticas en materia de menores despregadas polas entidades europeas así como estar en contacto con representantes de Nacións Unidas, do Consello de Europa e de Unicef.
A ENOC fundouse no ano 1997 e está integrada por institucións independentes de dereitos do menor presentes nos estados membros do Consello de Europa. Entre as súas actividades salientan a promoción e protección dos dereitos dos nenos e o desenvolvemento de estratexias que lles permiten actuar como voceiros dos mesmos. Os trámites para o ingreso do actual Valedor do Pobo, Benigno López, nesta organización iniciáronse fai agora un ano tras acudir a institución como observadora ao Congreso anual que se celebrou no 2007 en Barcelona.


